Actualizado en data 21/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Ritos, obxectos, crenzas varias..

CATEGORÍAS RELACIONADAS

Tradicións do Nadal e Reis en Navia de Suarna

No municipio de Navia de Suarna (Lugo), por Noiteboa estaba extendido o costume de que os mozos percorreran as casas da veciñanza cantando panxoliñas acompañados dun gaiteiro, obtendo a cambio doazóns que utilizaban para celebrar festa e baile. Arredor da festividade de Reis, a primeiros do mes de xaneiro, formábanse mascaradas que percorrían un amplo territorio visitando as distintas aldeas, recadando doazóns coas que logo celebrar a festividade. As máscaras eran: o do Fole, que ía cheo de cinsa e co fole golpeaba á xente para facer rir; o do Rodalo, que levaba máscara e facía que arrastraba a terra e que sementaba, e tiraba terra; a Cardadora, levaba un saio e cardas de cardar a la; as Madamas, dous homes vestidos de muller elegante; o Valenciano, vestido elegantemente, con sombreiro de palla e cun bastón, ía de "neno bonito"; o Maragato, vestido como os de Astorga e con careta; o Médeco, home disfrazado de médico, tiráballe o pulso á xente, e daba sinais ás mulleres como "non dude deixarse mirar"; os Cantores, encargados de entoar os cantares; o Gaiteiro, que acompañaba aos cantores; o da Cabalaría, encargado de cargar cos regalos; o Militar, vestido de uniforme; a Vasoira, home vestido de muller que levaba un vasoiro con herbas que pican. Estas mascaradas estaban sempre formadas por homes. Canto aos cantares, polo xeral encomezábase con estrofas de "pidir licencia" para actuar: "De lexos chegamos/os que aquí estamos/se nos dan licencia/os Reises cantamos". Para incitar ao donativo: "Señora Xosefa/como ama de casa/súbase ó fumeiro/e baixe sin tasa" ou "Traemos a bota/para levar o viño/pa levar os ovos/ó noso cestiño". Logo de recibir o donativo e como agradecemento: "Moitos anos viva/a ama da casa/pois no aguinaldo/nunca foi escasa". Se alguén non daba nada: "Cantámosche os Reises/guedella de cabra/cantámosche os Reises/non nos deche nada" ou "Aquí non nos deron/nin miga de cousa/De hoxe nun ano estean/debaixo da lousa". Segundo os autores, estas mascaradas desapareceron totalmente, fixando a súa decadencia na época da post-guerra. [Texto de Xabier Moure Salgado. Decembro de 2011]

BIBLIOGRAFÍA


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: