Actualizado en data 21/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Ritos, obxectos, crenzas varias..

CATEGORÍAS RELACIONADAS

Santa Rita de Ponte Beluso

Este noso tan amado país agacha en cada recuncho, en cada volta de calquera estrada un motivo que nos vai, seguro, sorprender.

Na tardiña do 28 de maio de 2011, logo de pasar Taragoña en dirección a Boiro, entramos en Ponte Beluso, lugar da parroquia de Bealo, no concello de Boiro (A Coruña). Nunha das voltas, indo á esquerda, uns cen metros despois da ponte, impacta os nosos ollos un arruinado caseto cuberto de uralitas. Na parede que abeira coa estrada, feita con bloques de granito, pedra e cemento, hai unha furna cun arco apuntado, pechada cun enreixado e un cristal, cuberta de tella. Por fóra, no chan e na repisa da mesma furna, centos e centos de ramos flores, ducias de velas acendidas e apagadas, unhas case enteiras e outras xa gastadas, diversas prendas de roupa, algún amuleto ou exvoto de cera e ata ovos. Ao entrar no alboio, a porta está desgonzada, o que se pode observar no interior aínda é moito máis sorprendente. 

Está dividido en dous locais con todo recuberto de po e lixo. Na estancia da entrada vense os restos do que debeu ser un mostrador (o local foi oficina da fábrica de madeira que hai ao lado), e sobor del, entre outras moitas inmundicias, chama a atención alguna moeda e o que semella ser unha gueivota disecada. No cuarto do fondo, máis escuro e tétrico aínda, vese unha caixa forte rota e enferruxada pousada no chan, máis prendas de vestir e máis velas acendidas e gastadas. Polas paredes hai máis prendas penduradas, teas de araña e moitos manchóns negros causados polo fume.

Un cheiro a podre inúndao todo. No interior da furna hai unha imaxe de pequeno formato (que non puidemos endelgar con xeito) pero que, ao parecer, representa a Santa Rita de Casia. O teito ameaza perigo de derrube inmeditao e todo, paredes, mobles, chan, teito, está negro e porcallento. Máis dunha vez tiveron que acudir os bombeiros para sofocar algún conato de incendio.

Acudiu á nosa curiosidade unha veciña que nos informou do pouco que polo de agora sabemos daquel estrambótico santuario. A señora díxonos que a imaxe é, efectivamente, a de Santa Rita, Virxe dos Desamparados e Imposibles, que foi levada e colocada naquel lugar polos fundadores da fábrica de madeira que aínda existe, de apelido Carbonel. Ela xa non lembra cando foi, pero antes de que ela nacese seguro. A fábrica aínda existe pero xa é propiedade doutros donos.

Os Carbonel levaran a imaxe desde Vilagarcía, onde hai moita devoción a esta santa e de onde eran oriundos, e todos os anos polo 22 de maio organizaban unhas festas na súa honra con misa e festa popular. A romaxe aínda se celebra na mesma data, agora a cargo do cura da parroquia quen para a ceremonia leva desde outra igrexa outra imaxe da santa. Antes, baixábase da furna a que hai no lugar e logo, despois da celebración da misa, volvíase ao seu sitio.

Tamén nos dixo a señora que non hai día nin noite que no pare xente diante do alboio de Santa Rita para prender unha vela ou para deixar unha prenda dalgún familiar enfermo. E dámos fe, abofé, que o que alí se pode ver ten que ser moi regular e moi intensos os ofrecementos e peticións que se lle fan á santa.

A mesma señora ofrécenos en venda un libro coa historia da santa de Casia, que rexeitamos, e cóntanos como é ela quen se encarga de repoñer, e mesmo de vender moitas das velas que xente de lonxe lle encarga para renovar cada certo tempo diante do sorprendente santuario.

Cando lle pedimos que nos conte algún milagre atribuido á santa, ela, discreta, dinos:

—Non sei, non sei... É avogosa dos imposibles!

Engadamos como nota histórica á marxe que mesmo detrás de onde está a nave da fábrica de madeira houbo en tempos un embarcadoiro que unía por liña marítima Boiro e Vilagarcía; embarcadoiro no que atracaba o seu balandro o pai de Alfonso R. Castelao cando acudía a familia á romería de San Ramón de Bealo.


Texto elaborado por Antonio Reigosa


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

COMENTARIOS ENVIADOS

Tamén lle levan ramos de rosas, unhas rosiñas pequenas , as mulleres o día de Santa Rita. A min eso chamoume moito a atención pero tan pouco sei porque o fan.

Enviado por Lunarianxeira o 25/11/2015 ás 15:24:35


Enviar comentario a este artigo: