Actualizado en data 21/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Ritos, obxectos, crenzas varias..

CATEGORÍAS RELACIONADAS

O cruceiro dos favores de Grixó

Este cruceiro, que está non moi lonxe da capela de Grixó, na estrema da parroquia de Barrantes coa de Tebra, no concello de Tomiño (Pontevedra), ten a particularidade de atender e responder afirmativa ou negativamente aos favores que se lle piden á Virxe da capela veciña.
O cruceiro é sinxelo, e a cruz está encastrada na base mediante un pivote de ferro o que permite que xire. Cando alguén lle quere pedir un favor á Virxe de Grixó, achégase ao cruceiro, pide o que teña que pedir e logo xira a cruz turrando polo brazo do lado dereito.
Para saber se o favor lle vai ser concedido ou non, ao día seguinte, cedo, vai mirar se a cruz volveu á mesma posición que tiña antes de a xirar. Se recuperou a posición, o favor vai ser concedido; en caso de que non recuperase a posición, o favor considérase denegado.
Contan que unha vez alguén foi pedir por un fillo enfermo. Mais como o cruceiro ao día seguinte non se movera do sitio, o que significaba que o favor non fora concedido, pegáronlle unha patada á cruz e a consecuencia foi que o enfermo morreu ao pouco tempo.

BIBLIOGRAFÍA


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: