Actualizado en data 21/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Ritos, obxectos, crenzas varias..

CATEGORÍAS RELACIONADAS

Marco do Salto

Aínda que poida resultar incrible, o culto a Príapo segue vivo nesta Galicia do século XXI.
Onte visitamos o chamado Marco do Salto, un esteo pétreo que fai de pedra de termo, segundo anuncian varias guías turísticas e algúns folletos de roteiros, entre as parroquias de Irís, O Salto e Laraxe, as tres do concello de Cabanas (A Coruña), e que atopamos no alto do monte, non moi lonxe do lugar chamado Salto de Riba. A pedra atópase distanciada da estrada uns dez metros.
O texto do indicador que sinala o lugar á beira da estrada dinos que cura o meigallo e para que os poderes da pedra teñan efecto débese ir e volver do marco antes da media noite, que o percorrido debe facerse en silencio, e que se debe levar un obxecto ou prenda da persoa que quere obter o beneficio do marco.
Unha vez chegados ao marco, continúan as indicacións, hai que dar tres cuadas no marco e nove voltas, dicindo: Meigos e meigas, envexosos e envexosas, encantadores e encantadoras, tanto gozades de min como eu gozo desta moeda que vou tirar. Esta oración é idéntica á que se di nos ritos de curación do chamado Marco de San Lourenzo, outro chanto situado entre este mesmo concello e Fene e no que tamén se realizan aínda hoxe diversas prácticas.
Logo, xa tiramos doutras informacións, hai que pousar unha moeda enriba do marco ou tirala nas proximidades. Pódese repetir o ritual, facendo as diversas operacións tres veces ou un múltiplo de tres.
Ao observar o Marco do Salto o que vemos é a reproducción mimética dun falo de pedra e con forma cilíndrica, de unhas dúas cuartas de alto e aproxidamente unha de diámetro. Por se non quedara claro o que se quería representar, no centro da parte superior, onde corresponde ao remate da uretra, a pedra presenta un burato que é xustamente onse se depositan as moedas.
Quedamos tan sorprendidos polo achado que procuramos algunha bibliografía sobre o tema. Sobre o Marco do Salto e os posibles ritos non hai moita información aínda que a atopamos sobre outros marcos, o que iremos dando a coñecer aos poucos.
Mais a casualidade permitiunos atopar unha cita, breve pero definitiva para que poidamos asegurar que o deus Príapo aínda se atopa entre os nosos benefectores sobrenaturais.
Luis Monteagudo García, nun artigo titulado “La cirugía en el Imperio Romano”, publicado en Anuario Brigantino, nº 23, ano 2000, páx. 90-91, di o seguinte (a traducción é nosa):
Príapo, antigo deus da abundancia e dos xardíns, representado como un “terminus” (pedra de termo) como un falo, simboliza tamén a fecundidade; as mulleres para ser fecundas frotábanse contra estas pedras (maxia simpática de contacto), costume que se extendeu por todo o Imperio e que chegou ata o século XX en rexións apartadas como o rito de fecundidade que ca. 1940 dirixía un santón en Salto de Riba, Eirís..
O rito consistía en que as mulleres ansiosas de fillos daban cuadas e frotaban os xenitais contra o Marco do Salto…

Esta noticia fora facilitada, segundo o autor do artigo, por D. A. Fernández Badía ca. 1965.
Por agora só me queda engadir que no Marco do Salto vin dúas moedas depositadas no burato do falo, unha de dez e outra de dous céntimos de euro.
©Antonio Reigosa, 2010.


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: