Actualizado en data 21/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Ritos, obxectos, crenzas varias..

CATEGORÍAS RELACIONADAS

O pozo dos desexos do claustro do Museo Provincial de Lugo

PLINIO, O Xove, escritor latino do século I, conta dunha fonte que había nos arredores de Roma coas augas tan transparentes que se podían contar as moedas pousadas no fondo. A orixe desta práctica, restos de vellos cultos a diversas divindades (Aironi, Coventina...), pérdese na noite dos tempos pero pervive de maneira que se pode asegurar que non hai cidade do mundo que non teña un ou máis pozos ou fontes onde se poida pedir algún desexo a cambio dalgunha moeda. Hai lugares nos que o rito se fai nun día sinalado, outros nos que a moeda debe caer de cara para que se cumpra o que se pide, e outros máis, xa cristianizados, nos que é algún santo, santa ou virxe o que nos fará, ou non, o favor de conceder o que pedimos.

NO CLAUSTRO franciscano do Museo Provincial de Lugo hai un fermoso pozo con brocal de cantería e muro de cachotería. Desde que un ten memoria son numerosos os visitantes do museo que se achegan ao pozo e, postos de costas, tiran unha moeda ao tempo que pensan, sen dicilo en voz alta, un ou máis desexos para que se cumpran. E o certo é que no fondo daquel pozo duns sete metros e medio de profundidade son moitas as moedas que se poden contar. De cando en cando, algún visitante reincidente asegura que volve porque se lle cumpriu todo o que pediu. Non sabemos cando comezou este costume, se o había ou non antes de que o edificio pasase a ser a sede do Museo no ano 1957, pero do que estamos seguros é de que engade un encanto máis aos moitos motivos polos que é recomendable visitar o Museo de Lugo.

A FONTANA DI TREVI, o fermoso monumento barroco da cidade de Roma, era antigamente o extremo dun dos acueductos que levaban a auga ata a cidade, e desde o século XVIII é visitada cada ano por milleiros de turistas que van alí para solicitar tres desexos a cambio dunhas moedas. O rito esixe que as moedas se tiren de costas, e coa man dereita por enriba do ombro esquerdo, sendo obrigado pedir volver a Roma antes morrer. O 3 de marzo cumpríronse 50 anos da estrea da película de Federico Fellini “La dolce vita” (aquí non se puido visionar por mor da censura ata 1980). Quen a vise lembrará a escena memorable do baño nocturno de Anite Ekberg e Marcello Mastroianni na Fontana di Trevi. Quen non botaría unha moeda na fontana pedindo ser o/a protagonista!

© Antonio Reigosa


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: