Segredos do Pazo de San Isidro de Mondoñedo
O Pazo de San Isidro está no Couto de Outeiro, sobre un outeiro, ás aforas de Mondoñedo, non moi lonxe da Ponte do Pasatempo. Naquel lugar houbo unha torre medieval e no s. XVII un convento das monxas concepcionistas que o abandonarían no s. XVIII. A propiedade pasa por varias mans ata que en 1999 é mercada por José de Orozco y Sánchez-Aguilera e pola súa dona, Simoneta Dondi, que acometen obras de restauración. Na actualidade, consolidada a conservación das tres plantas do edificio, do patio interior e da capela anexa, dedícase a actividades culturais. A serpe con ás Segundo o cronista e historiador mindoniense E. Lence-Santar, no pombeiro do Pazo de San Isidro hai unha cobra alada. Ás cobras cando envellecen nácenlles ás e disque voan seguindo o curso dos ríos ata o mar, e desde alí poñen rumbo a Babilonia, e van dicindo: Para Babilonia vou, malia quen me veu de nova e non me matou. A cobra alada aínda non é dragón pero aseméllase, e a sombra que deita cando voa é moi perigosa. As ás semellan de coiro, con cadros verdes e amarelos, moi feitas.
Cairo
Andrés García Doural, estudoso da historia local, descubriunos hai poucas datas a idendidade dun home que faleceu en Mondoñedo aló polo século XVIII. Tomamos nota do que publicou no seu blog (http://www.blogoteca.com/doural) onde afirma que este suceso tivo lugar no primitivo mosteiro que posuíron as Concepcionistas en Mondoñedo, edificio que estaba a carón do agora chamado Pazo de San Isidro (BIC desde 2022), no Couto de Outeiro, parroquia do Carme.
Segundo García Doural, sabíase por tradición que este guineano de raza negra chegara a Mondoñedo procedente de Ferrol, a onde chegara tras ser escravizado por ingleses. Non sabemos como nin con que propósito chegara ao mosteiro das relixiosas. Parace que as monxas o tiveron encadeado, ben nunha mazmorra ou á intemperie, preso ás escaleiras que comunicaban a horta co patio. Advertimos que nesta data as monxas xa non residían naquel mosteiro xa arruínado senón noutro de nova planta que construiran no centro de Mondoñedo a principios do século XVIII. Mal alimentado e peor vestido, acabaría por morrer de fame ou frío non moito despois do 29 de abril de 1780, data na que, segundo o noso informante, o guineano “pidió el Santo Bautismo”, cerimonia que se realizou na parroquial de Santiago de Mondoñedo (entón ubicada na catedral). Parecer ser que dixo chamarse Cairo, e ao cristianizalo puxéronlle Josef. Andaba polos 23 anos.
A Nao Mai
O pazo é unha das sedes estables da Asociación A Nao Mai, unha espazo cultural que promove a creatividade, unha nao cangada de soños e utopías comandada por Arturo Pérez e Ton Arenas; un bálsamo que alivia as carencias culturais (http://anaomai.blogspot.com)
![]() |







