Actualizado en data 21/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Ritos, obxectos, crenzas varias..

CATEGORÍAS RELACIONADAS

A solta do Rei Charlo en Lourenzá

Nun documento do ano 1527 e noutro de finais do XVII descríbese o costume da “solta do paxaro” que se facía en Lourenzá e que consistía en que os veciños tiñan que cazar un paxaro chamado “Rei Charlo” o día primeiro de cada ano, aínda que é probable que este día fose, en realidade, o 26 decembro, día no que comezaba o ano ata o s. XV.
Os veciños xuntábanse nas datas previas para cazar un “paxaro rei chiquito do papo colorado”, un carrizo o un paporrubio, e logo “preso cunha cinta nunha lanza e a lanza nos ombros de dous veciños” ían en procesión e presentábanllo ao abade do mosteiro, quen llelo agradecía con viño e pan de trigo. Este cortáballe ao paxaro algunhas plumas cunha tesoira e, logo de facerlles ver aos vasalos que podería facer con eles o mesmo, ceibábao en sinal de magnanimidade. Despois, os veciños ían ao concello e escollían catro homes de entre os que o abade nomeaba dous alcaldes. Se non conseguisen cazar o “paxaro rei” ese día, o abade concedíalles de prazo ata Reis.

O carrizo
O carrizo é o máis pequeno dos paxaros mais, sen embargo, grazas á súa astucia, chámaselle o “rei dos paxaros” desde a Antigüidade pois foi o que máis alto voou nunha competición entre paxaros. Ente nós goza de respeto pois crese que quen o maltrata ou mata, ou quen rouba o seu niño non medra e ademais enferma de tiña

Orixe
Este costume puido chegar a Lourenzá cos monxes bretóns no s. VI ou cos benedictinos franceses a partir do s. X, xa que en ambos lugares están documentadas prácticas semellantes. As raiceiras do rito son moito máis antigas e teñen que ver, por un lado, con vellas crenzas sobre a necesidade de dar morte simbólica ao rei no solsticio de inverno para a rexeneración da vida, sendo representado o rei por un animal, e, por outra, polo afán da igrexa por combater ou ridiculizar ritos precristiáns. En canto ao nome, Charlo, suponse que se pode referir ao emperador Carlomagno.

Referencias
En Villarino tras la Sierra (Zamora) celebran “El Pajarico” o mesmo día, unha farsa dentro do ciclo de mascaradas de inverno que consiste en pasear polo lugar un paxaro colgado dun pao ao tempo que piden o aguinaldo. Costumes semellantes están documentados en País de Gales no s. XVII, en Irlanda no XVIII e Tras Os Montes no XIX. Alonso Romero (autor de debuxo que ilustra) dános en “Anuario Brigantino”, 24 (2001), unha visión comparada do mito e do rito que comentamos.


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

COMENTARIOS ENVIADOS

No Valadouro apareceu un escudo no que esta escrito: estas son as atlas dos Charlos. A que podera facer referencia? Comprado por Sargadelos, figura hoxe nunha fachada do complexo industrial

Enviado por Fina o 05/07/2016 ás 2:37:53


Enviar comentario a este artigo: