Actualizado en data 08/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Ritos, obxectos, crenzas varias..

CATEGORÍAS RELACIONADAS

A Virxe de Grixó

Grixó está na estrema de Barrantes con Tebra, concello de Tomiño (Pontevedra). Alí hai una capela adicada á Virxe, que se vén a chamar a Virxe de Grixó. A romería celébrase no terceiro domingo de agosto. Goza de moito prestixio na zona; non só pola devoción, senón tamén polo folclorismo que se profesa.
A imaxe da Virxe pasa a ser protexida durante un ano por unha parroquia. Esa é quen ten que organizar os actos relixiosos do ano seguinte. A romaría remata facendo entrega da imaxe á outra parroquia, quen custodiará a imaxe o ano que lle toque. Tanto no recibimento coma na despidida da imaxe vai precedido dun rito solemne, onde entran en xogo os pendóns ou estandartes portados polos morgados.
Xa cedo, a imaxe, levada en andas, sae da igrexa de turno camiño de Grixó seguida a pé por unha manchea de persoas mailo cura. Non faltan cantos, rezos ou xoldras. Unha vez no recinto da ermida, despois de ser recibida pola comisión da outra parroquia, faise a procesión ó redor da capela, rematando coa misa no seu honor e, de seguido, as charangas e gaitas do país animan a romería para logo centrarse no desfrute gastronómico.
Polas propiedades, prados, carballeiras ou enxidos hai un ateigamento de familias ou grupos de amigos que se unen na degustación campestre e enxebre, que se mantén dende tempos remotos. Non faltan música, cantos e esmorga ata ben entrada a tardiña para rematar co desfile ata o lugar do terreiro onde se celebra a festa popular.
A imaxe da Virxe esta feita de madeira, pero é tan vella que a couza fixo desaparercerlle unha man e isto, precisamente, é o que da pé á famosa lenda.
A veneración da imaxe non está exenta dun certo temor ás represalias que a Virxe pode tomar pola trasgresión, sobre todo, de entrar na capela dunha maneira irreflexiva. Calquera nacemento dunha criatura cunha certa eiva, sobre todo en mans ou brazos, atribúeselle a unha maldición da Virxe sobre os proxenitores ou achegados por algún pecado cometido na capela ou nos redores.
Algúns sucedidos relacionados:
Disque hai moitos anos, alá en Grixó, dous homes, que andaban apañando toxo no monte, viron unha luz no medio do río Cereixo, mesmo onde fai estrema entre as parroquias de Santa María de Tebra e Barrantes. Fóronse achegando e atoparon unha imaxe da Virxe. Isto foi considerado coma un milagre polo que no mesmo sitio construíron unha capela. Desde entón faise unha romaría (a romaría de Grixó, tódolos terceiros domingos de agosto). Por turno, a imaxe vai un ano para unha parroquia e ó outro para á outra.

A capela da Virxe de Grixó está nun val que fai estrema de Santa María de Tebra con Barrantes. Contan que alí apareceu a Virxe. Un home andaba a rozar toxo nun toxal preto da capela de Grixó. Comezou a chover con moita forza e o home colleu o carro cos bois e meteuse dentro da capela. En sinal quedaron as rilleiras das rodas do carro no piso. Ó pouco tempo ese home tivo unha filla e saíulle manota; igual cá imaxe da Virxe de Grixó.

Cóntase que en Grixó, nunha tardiña de inverno de moita chuvia e frío, dúas mulleres foron sorprendidas polo temporal cando andaban na procura de herba. Para acubillarse, unha delas propuxo meterse na capela, que non tiña porta. A outra pareceulle unha barbaridade e negábase a entrar. Pero tanto insistiu a primeira que ó fin entraron elas mailos bois co carro.
Como unha delas estaba embarazada, a Virxe, como castigo, impúxolle que cando nacera a criatura tería a man coma ela, é dicir, sen os dedos. E así foi, naceu desa maneira e morreu ós vinteún anos sen falar nin andar.
(Do libro "Mitos e lendas de Tomiño" de Pepe Gude)

[Texto remitido por Xosé Mª Gude Méndez, de Tebra, Tomiño (Pontevedra). Xuño de 2009]


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: