Actualizado en data 21/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Ritos, obxectos, crenzas varias..

A rapañota nos bautizos, en Cuntis

-­Padriño, bota cartos ao camiño!
Esta era a frase máis coreada polos rapaces de Cuntis no adro da igrexa á saída do séquito dalgún bautizo.
O certo é que nin en Navia de Suarna, onde pasei os meus primeiros anos, nin tampouco nos concellos limítrofes con Cuntis, había o costume de tirar cartos á rapañota para que os rapaces se botaran atropeladamente por eles. Penso que nalgúns lugares se facía iso con caramelos, que en Cuntis tamén se botaban, aínda que, desde logo, eran moito máis aprezadas aquelas pesetas, e de vez en cando algún peso, que guindaban con xenerosidade os padriños. Non é que sacáramos unha fortuna, mais nalgunha ocasión o botín dábanos para ir ao cine e para tomar un bocadillo.
O máis parecido que recordaba de Navia era cando Serxio, o do bar, o día que asaba manises nos botaba unha cantas mancheas aos rillotes que xa levábamos tempo babexantes agardando a que saísen das brasas, ben torrados e arrecendentes.
En Cuntis ademais era costume que cando estabamos bañándonos no río, a carón do parque do Castro, se achegara algún bañista e nos botase pesetas á auga para gozar perversamente dos apuros que pasábamos mergullándonos na busca de tan prezado tesouro.
Con todo, nos bautizos, que é do que realmente estabamos a falar, non todos os padriños eran sempre tan desprendidos. E iso espertaba en ocasións os instintos máis malévolos dos rapaces que lle engadían unha cruel coleta á locución que reproduciamos ao comezo:
-­Padriño, bota cartos ao camiño ou che vai morrer o meniño!


[Fotografía da rapañota na Praza do Ferrol, en Cuntis, cara o 1950. Texto de Marcos Seixo Pastor, de Cuntis (Pontevedra)]


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

COMENTARIOS ENVIADOS

En Marín ata mediados dos anos 70 cantabamos "Un chaviño senón morra o miniño"e o padriño botaba cartos ou caramelos, para o cine xa non daba pero si para cromos ou bolas

Enviado por Jose Pazos o 19/10/2014 ás 23:36:17


Si Marcos Seixo recordara su bautizo sabría que en Navia de Suarna sí que era tradicional que el padrin tirara monedas para la rebañota, patacois, reales, dos reales y alguna peseta (segun el rango económico del padrino) y la madrina caramelos. La rebañota duraba desde la salida de la iglesia hasta la casa del recien cristianado.Al menos hasta mitad de la década del 60 se mantuvo esa costumbre.

Enviado por Tino de Féliz o 21/07/2008 ás 1:17:05


Enviar comentario a este artigo: