Ritos, obxectos, crenzas varias..
CATEGORÍAS RELACIONADAS
O imaxinario do castro de Viladonga
Foto cedida polo Museo do Castro de Viladonga
O CASTRO E O MUSEO As escavacións que se veñen realizando desde 1971 no castro de Viladonga, en Castro de Rei, os atinados criterios expositivos dos achados no museo inaugurado en 1983 (véxase foto aérea cedida polo Museo), os programas didácticos, a revista e as publicacións divulgativas e o apoio da Asociación de Amigos fan deste conxunto arqueolóxico-museístico un referente inescusable para quen desexe coñecer o pasado castrexo e romano de Galicia. Cando o visitamos, coa contemplación e a contextualización dos materiais exhumados achegámonos ao patrimonio “visible” herdado dese pasado pero tamén ao “invisible”, ao que non se ve pero que forma parte coma o outro da nosa cultura.
LUGAR DE MOUROS E DE TESOUROS Se atendemos aos testemuños recompilados, o castro foi construído polos seres míticos que chamamos mouros, que viviron nas casas dunha vila que había no castro ata que os expulsou o apóstolo Santiago. O sochán está cruzado de galerías, canles, minas e túneles de feitío aparentemente natural, polas que ían e viñan os mouros na procura da auga. Na Eira Grande había un pozo ao que se chegaba a través dunha escaleira con catorce chanzos. No Outeiro do Castro, que está oco, vive unha galiña cunha rolada de pitos de ouro. Hai una mina de ouro e atopáronse argolas, grades, tubos, un embozo dunha vaca e outras xoias de ouro como, estas reais, uns torques e unha arracada. E tamén apareceu no castro o “esquilón”, unha campaíña que está agora na igrexa de Viladonga.
CARRIZA LUMINOSA Aínda que non forma parte do imaxinario senón dunha singular realidade botánica, nunha cova situada no antecastro descubriuse non hai moitos anos unha especie de musgo luminoso (Schistostega pennata), unha planta moi rara e en perigo de extinción. Vive en lugares pouco iluminados e ten a característica de que o seus filamentos reflicten unha luz verde esmeralda.
BIBLIOGRAFÍA