Actualizado en data 08/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Demo e o seu mundo

O neno que tivo un demo no corpo

Contra o Demo todas as precaucións son poucas. Onde menos pensas, mesmo nun familiar que teña algún pauto secreto, hai perigo.

Xan do Gaiteiro de Zoñán tería catorce anos cando un tío seu, quen sabe por que o faría, lle deu a beber un demo nunha cazola de leite. Sóubose porque desde aquel día o rapaz comezou a facer cousas moi raras.

Dáballe por escapar para o monte e choutar por riba de silveiras, das toxeiras, das xesteiras e das penedas. Por veces ouleaba coma os lobos ou brecaba coma os becerros, outras regalaba os ollos e facía carantoñas, esmendrellaba a roupa, arrincaba os seus propios pelos e ata bebía nas poceiras.

A habilidade máis extraordinaria, segundo aseguran persoas que o viron, foi que o mozo era quen de meterse pola fenda dunha hucha por onde non cabía unha man travesa e volver a saír tan campante.

Durante catorce meses andou o Xan do Gaiteiro con aquel demo no corpo facendo destas ata que llo quitou un frade do convento dos Picos.

Aínda que Lence di que o frade só llo puido ligar ben ligado.

 

BIBLIOGRAFÍA


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: