Actualizado en data 02/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Demo e o seu mundo

CATEGORÍAS RELACIONADAS

A iluminada de Chanteiro

El Correo Gallego de Ferrol do 24 de agosto de 1886 informa do caso. En Chanteiro, parroquia de Cervás (Ares, A Coruña), vivía naquel entón unha muller de arredor de 22 anos que dicía estar posuída por dous demos cuxos nomes eran Daniel e Xacinto. Daniel era xurador e violento, irascible, “un genio malhumorado”. Xacinto, en cambio, era místico, “bonancible y bien educado”. Mentres Daniel botaba pestes, Xacinto “solo en Dios y en los santos encuentra motivo de disertación”. Os dous falaban sempre pola boca da endemoñada. 

Á casa de Carmen, que estaba encamada, acudían multitudes “de muchas leguas a la redonda” e a todos os que lle preguntaban polo paradoiro ultraterreal (limbo, purgatorio, inferno....) dos seus familiares falecidos respondía coa axuda dos demos que tiña dentro do corpo. Cando lle preguntaban que podían facer para valerlles, os demos respondían pola boca de Carmen, aínda que o redactor da noticia se permite atribuírlle a seg uinte frase: “Pues nada, sigan ustedes viviendo en las Batuecas, que ellas se salvarán”. Ás veces facíalle compaña e mantiña conversa con ela outra veciña que dicía ter dentro do seu corpo o espírito dun cura que falaba, a través dela, en latín. 

O mesmo xornal completa a información na edición do día 31 de agosto, engadindo que a muller estaba casada e que era nai dunha nena de poucos meses. Descríbena como muller ignorante e inculta, máis vítima de ataques de histerismo que de fanatismo relixioso e insta aos párrocos das parroquias da comarca para que intenten convencer os seus fregueses de que ofenden a Deus sendo tan crédulos. 

As posesións remataron o día 17 de agosto, ás nove da mañá. As persoas que o presenciaron viron como saía do corpo de Carmen unha pomba branca cun peteiro vermello que voou e marchou “con la música a otra poarte”, e tamén desapareceron os demos e a ánima do cura dos corpos das mozas de Chanteiro. 

Foron moitos os xornais de toda a península que reproduciron a noticia, practicamente nos mesmos termos, como El Correo, El Imparcial e La Época, de Madrid, La Vanguardia, de Barcelona, El Balear, de Mallorca, e El Guadalete, de Xerez. Este tipo de casos déronse con certa frecuencia, cunha porcentaxe de oportunistas e defraudadores, claro está, tanto en Galicia como noutras partes. Quizais os máis famosos, e tamén os mellor documentados, dos que hai noticia en Galicia foron o da iluminada de Moeche (A Coruña), Manuela Rodíguez Fraga, en 1925, e en 1808 o da chamada espiritada de Gonzar (O Pino, A Coruña), Josefa de la Torre Nieto. 

Soen denominarse espiritados, iluminados ou corpos abertos se a posesión é de ánimas de persoas falecidas, endemoñados ou posesos se o é de demos, e corpos santos se non hai posesión de ningún espírito senón un don concedido por deus directamente. 

O tratamento informativo que lles soe dar a prensa da época e case sempre denigrante, atribuíndo os delirios e desvaríos á ignorancia e á escasa educación. Porén, a ollos de hoxe, deberamos consideralos consecuencia dunha amalgama de factores de tipo sociocultural e relixioso que se manifestan seguindo pautas culturais arraigadas e que desde a ciencia médica soen catalogar con diferentes nomes como fenómenos histéricos. 

© Antonio Reigosa 


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: