Actualizado en data 02/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Micromitos 020: San Cibrán, o mago

Hoxe tócalle a quenda no santoral a san Cibrán de Antioquía, o pseudoautor do Ciprianillo, a pesar de que o seu nome foi retirado, xunto co de santa Xustina, do martiroloxio oficial. Non se debe confundir co outro san Cibrán, o de Cartago.

Cibrán de Antioquía retirouse a unha cova onde recibiu directamente do Demo os segredos de todos os feitizos. Aquela sapiencia do mago botouse a perder cando se namorou de Xustina, moza cristiá, pois a pesar de usar todas as astucias máxicas, non conseguiu nada dela; defendía a castidade co amuleto da cruz.

Cibrán rendeuse, deixou a maxia, renunciou aos praceres mundanos e converteuse ao bando de Xustina. Ambos acabarían decapitados en Antioquía.

Da magna obra que se lle atribúe, o Gran Libro de San Cibrán ou Ciprianillo, compendio de maxias e tesouros, hai unha copia de vinte tomos na biblioteca de Santiago de Compostela. Téñeno celado en zona reservada, atado con rexas cadeas de ferro.

Desa imaxinaria edición prístina serían copia total ou parcial, mesmo apócrifas, todas as edicións populares que tantas ilusións frustraron.

«⇔»

SerieMicromitos Publicación: Nós Diario, 26 de setembro de 2020.

Locución audioRocío Romero Otero




Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: