Actualizado en data 08/12/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

O mito do Xudeu Errante

Bouza Brey buscou restos deste mito en Galicia e di que non atopou nada. Como noutras ocasións, temos que contradicir aos nosos maiores. Si existen en Galicia noticias deste personaxe, e logo daremos dúas. Antes imos dicir que se trata dun mito universal nos países cristiáns, en toda Europa, e que se lle chama tamén Xudeu Inmortal, Cartophilus, Ahasverus, Giovanni Battadio, Buttadeu, Arribattadio, Xoán-Espera-en-Deus, etc.

Ía o Noso Señor camiño do Calvario coa cruz ó lombo e pasou por diante do obradoiro dun zapateiro que estaba, casualmente, rematando de botarlles unhas tapas ós zapatos dun moinante que gañaba a vida polas aldeas de Xudea. Se cadra os soldados, se cadra Xesús mesmo, pedíronlle ó zapateiro que lle permitise descansar un pouco na súa casa, que ben vía como lle andaban as forzas. Pero o zapateiro, que debía andar con présas, non só non llelo permitiu, senón que mesmo o empurrou de moi malas maneiras, ameazándoo coa subela.

—Anda, camiña, non quero perder o tempo en atender xente coma ti!

O eco foi repetindo as palabras ata que chegaron ao Ceo.

—Anda, camiña! ¡Anda, camiña! ¡Anda!

Desde aquel mesmo instante, o zapateiro xudeu quedou condenado a  vagar e vagar polo mundo polos séculos dos séculos, sen poder morrer nin ir ao Ceo nin ao Inferno. (Nótese que na tradición galega esto é o peor que pode suceder). Así por todas as nacións e todas as épocas, ata que os tempos sexan consumidos.

Sábese que só come pan ácimo, que fala todas as linguas e sábeo case todo, que viste de amarelo, que leva cabelos longos e vermellos e barba cana, que dorme de pé, pois non pode deitarse nunca, e que ten medo das campás, porque cre que anuncian a volta de Cristo.

Pola Semana Santa volve a Xerusalén, concretamente o Venres Santo ás tres da tarde. Pero foxe antes do Domingo de Resurrección porque ten medo a que Xesús o bote con semellantes modais aos que el usou.

Segundo o italiano Guido Bonnati veu a Compostela en peregrinación polo ano 1267. Hai que dicir que tivo tempo de arrepentirse do seu pecado e que agora é cristián.

Carré Alvarellos recolleu unha lenda en Vilamelle, Lugo, situada na época cando os animais falaban.

Era un día de Nadal e a xente estaba contenta e era feliz, todo era paz e harmonía, todo concordia, entre homes e animais, que mesmo eran todos vexetarianos. Pero pasou por alí un vello moi vello, pero moi vello, que parecía ter centos de anos e se cubría cun manto roto e lixado. Ó ver a alegría das xentes botou a chorar.

A xente estrañábase  e preguntáronlle que lle pasaba.

—Choro —dixo— porque vexo que facilmente vos sentides felices e como florece tan rapidamente a ledicia en vós, despreocupándovos polo día de mañá.

—E vostede non sabe que hoxe naceu entre os homes o fillo de Deus?

—Sei, hai moito tempo que o anunciaron os profetas. Pero o mundo non deixa de ser como é, nin pode deixar. O sol ha saír tódolos días por riba dos montes e esconderse, coma sempre, na inmensidade do mar; e choverá como de costume, e o lobo que foi criado para comer carne non comerá toxos, nin o home se esquecerá de acender o lume do fogar, nin deixará de morrer algún día.

Os homes felices e cantareiros non daban creto ó que oían.

—Nós —dixeron os máis inxenuos— con vivir alegres e felices xa nos damos por contentos.—Todo iso é unha ilusión fuxitiva —dixo o vello—. Teredes que volver ós vosos traballos e leos de sempre, ás pelexas acostumadas entre uns e outros

Os máis atrevidos empezaron a insultalo. Chamáronlle de todo, cuspíronlle na cara, e un, que escondeu a man, tiroulle unha pedra que lle deu na cara. Mentres unha mancha de sangue lle ía cubrindo o rostro, sen perder a calma, dirixiuse de novo ós que o atacaban daquela maneira:

—Vedes o que vos dicía? Vedes como a maldade non se aparta facilmente do corazón dos homes?

E dito isto marchou trenqueleando.

Quedaron pensativos os felices habitantes da aldea. Un deles, o de máis idade, dixo á fin:

—Ese home non pode ser outro que o Xudeu Errante.

A outra noticia recolleuna persoalmente un de nós. Uns paisanos pasaban, un día de moito frío, polo Alto da Xesta, case na raia entre os concellos de Abadín e Mondoñedo, en pleno monte. Era inverno e nevaba tanto que xa había sobre o chan cando menos un metro de neve. Nevaba sen parar polo lado de acó da Corda, tanto que non se podía, ou non se debía, saír da casa. Pero eles vivían alí mesmo e volvían con presas e con dificultades.

Nestas viron chegar  un viaxeiro indiferente, coa roupa vella e rota e descalzo. Un dos veciños ofreceulle caritativamente a súa casa para que descansase e agardase tempos mellores.

O viaxeiro contestou soberbio:

––Deus queira que neve ata que non caiba unha agulla entre a superficie da Terra e a bóveda do Ceo!.

E seguiu o seu camiño, baixo os farrapos.

Era o Xudeu Errante!

Hai que dicir que o Xudeo non podía aceptar a invitación porque non pode descansar, e así chova ou neve, ten que seguir andando.

É curioso que a súa actividade fose a de zapateiro.

Nas cidades asolagadas adoita  haber un zapateiro que lle arrebola a subela a Xesús ou é desconsiderado con el. Por outra parte, é evidente a relación facer zapatos-camiñar.

Fonte: Dicionario dos seres míticos galegos [Xudeu Errante]

BIBLIOGRAFÍA


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: