Actualizado en data 21/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

nº 12 (2016).- BROZ, X. e VÁZQUEZ, C.: Os poderes da gata-fouce

© Xurxo Broz e Cristina Vázquez

REVISTA (ISSN 1887-2859)

O Poder da gata-fouce: lobos e ánimas en pena

Neste relato ou ensaio ímonos referir a algo máis ca unha ferramenta indispensable no ámbito rural galego, tanto pola súa funcionalidade e versatilidade como polas súas propiedades diríamos apotropaicas.

Estámonos a referir á fouce, tamén coñecida nestas comarcas da Galicia Central como “gatafouce”, que normalmente aparece escrita como unha palabra composta baixo as fórmulas “gata-fouce”, ou “fouce-gata”, xa que temos escoitado falar da mesma ferramenta referida en calquera deses tres termos.

Pero, que vén sendo unha fouce, gatafouce ou fouce-gata?

Pois vén sendo unha ferramenta da mesma familia que un fouciño, só que conta cun mango moito máis longo ca este, polo xeral entre 1,20-1,30 mt., polo tanto concibido para o seu emprego a dúas mans. Tamén difire do fouciño en que aínda que ambos contan cunha folla de ferro curvada e cortante, a da fouce é bastante máis grosa e forte, para poder rozar arbustos leñosos moi duros (toxos, xestas ou codesos).

Tamén, compre indicar, que existen distintos tipos de fouces en función de usos específicos que se lles queira dar, dese xeito hainas máis ou menos abertas (variando o grao de curvatura da folla). Algúns modelos contan cun apéndice, a modo de chuzo punzante, situado na parte superior do costado da folla. Outras denominadas “fouce dos regos” presentan o corte pola cara externa da folla (é dicir ó contrario da forma común). Ou tamén existe outro tipo de fouce que conta cunha folla algo menos curvada, e polo xeral algo máis cativa que se emprega fundamentalmente para cortar polas e ramallada e, que nese caso, recibe o nome de “podón”. O que teñen en común todas elas é o mango con vara longa, para o seu emprego a dúas mans, en contraposición a fouciños e fouciñas.

O uso máis frecuente dunha fouce ou gatafouce é o cortar os toxos para facer estrume, rozar silveiras, abrir paso entre o mato mesto, e tamén para limpar camiños invadidos pola maleza, mais tamén pode usarse (a modo de podón) para a corta de ramallos das árbores ou das especies de arbustos que medran á beira dos ríos.

En tempos pasados tamén se usou a gatafouce, especialmente as que incorporan ese chuzo na cara externa da folla, para “alancear” ó lobo, cando se facían as batidas e acababan os pobres animais acurralados no interior dos foxos, entón eran abatidos con esas fouces, con galletas e forcadas, ou tamén con lanzas específicas para esas cacerías (chuzos, picas e tamén bisarmas, cun deseño inspirado nese tipo de fouce-gata con apéndice lateral).

Polo medo atávico ancestral que se lle tiña ó lobo era común ir armado con ese tipo de apeiros punzantes cando se facía preciso botarse ós camiños, pola noite, ou botar man deles cando había que saír fora da casa tamén en horas nocturnas, cando os cans non paraban de ladrar, por intuírse a presenza do lobo.

Mais ante todo o exposto anteriormente,  hai que engadirlle a esas “fouces-gatas” outro tipo de función de índole máxica e protectora que aparece recollida na tradición oral popular, e que lle aporta unha dimensión de obxecto ritual.

Os poderes da gata-fouce

O poder que ten a  gata-fouce sobre o mundo do alén é algo que está presente na mentalidade popular da nosa terra. É un obxecto de uso indispensable para enfrontarse ós perigos do “outro mundo”, un mundo que en Galicia está directamente conectado co “mundo real”, xa que os vivos son quen de falar coas ánimas dos mortos e mesmo tocalas, e para loitar contra esas ánimas  que queren facer mal, úsanse as mesmas ferramentas que se usan no día a día para o traballo. Sobre todo a gata-fouce.

Como xa se indicou máis arriba é unha arma indispensable para dar caza ó lobo,  pero isto non so é debido a súa morfoloxía de ferramenta cun pau longo que permite atacarlle á fera sen ter que aproximarse a ela, senón que ese poder da gata-fouce venlle dado polo seu carácter protector contra as ánimas errantes. Hai moitas outras ferramentas que se poderían usar para dar caza ó lobo, pero para matalo case sempre é precisa unha gata-fouce como se narra en moitos contos populares e da tradición oral (como “As mañas do lobo” que se pode ler en Galicia Encantada ou en “A batida do lobo”, relatos de Nilo Cea Rodríguez).

As gata-fouces tamén son necesarias para escorrentar ás ánimas que perturban a vida dos vivos. É de todos sabido que cando se enterra a un defunto que na vida deixou algo pendente ou que non foi bo de todo, e se lle amortalla cun hábito relixioso, a ánima en pena desa persoa vagará polas encrucilladas ou polos montes ou polos camiños,  pedindo que se lle quite a prenda bendita que levan posta, para poder acceder ó outro mundo, cousa que ten prohibida por ir vestido cun hábito. Nos casos nos que o morto foi moi malo en vida, a ánima, que en moitas partes de Galicia se denomina Ruín, vai destinada ao Inferno pero non pode entrar, pois leva un hábito sagrado. A operación de andar entre os vivos “requirindo” desfacerse do hábito é coñecida como “Rachar o hábito”.

Para quitarllo é preciso todo un ritual, moi estudado, onde a conversa entre o vivo e a ánima do defunto é importantísima. O curioso é o arraigado que está na mentalidade popular o feito de que as ánimas e os vivos podan relacionarse coma si tal cousa, estando o corpo desa ánima soterrado no cemiterio, como se fosen distintos, o corpo por un lado e a ánima polo outro.

Cando unha persoa se atopa cun ánima que foi amortallada cun hábito e lle pide que llo quite para poder deixar dunha vez este mundo e pasar ó outro,  o vivo debe quitarllo cunha gata-fouce, e non con ningunha outra cousa, e debe facelo sempre de xeito contrario a como llo pida a ánima, pois de facelo como ela llo indica a ánima levaríase o vivo con ela para o outro mundo (se lle pide que llo quite por diante, hai que facelo por detrás; e si lle pide que llo quite de arriba para abaixo debe facerse ó revés e viceversa) . O que resulta moi curioso é que o hábito hai que sacarllo á ánima, ó aparecido que vaga polos camiños ou preto das casas, e nunca se lle quita ó defunto que é quen leva o hábito realmente posto. Isto é un exemplo máis do arraigado que está na mentalidade popular galega o mundo sobrenatural, xa que é unha parte máis do mundo real. Distinguíndose claramente  o defunto, que está no cemiterio e ó que se lle ten un grande respecto, da ánima do mesmo defunto, que aínda que incomodan e molestan, e veñen a causar problemas, interactúan cos vivos como si tal cousa.

O xeito de usar a gata-fouce para quitarlle o hábito a unha ánima pode lerse en Galicia Encantada na “Lenda da pantasma do escribán da casa de Atá”.

Polo tanto gata-fouce ten un gran poder para vencer ó sobrenatural que non ten ningunha outra ferramenta ou aparello de uso cotiá, nin tan sequera algún obxecto bendito ou procedente de lugar sagrado.

Nota: Unha reflexión sobre a importancia da fouce  como obxecto ritual esconxurador. É habitual velas nos museos  etnográficos e antropolóxicos galegos na sección da labranza ou do agro, pero nunca nas seccións de relixiosidade (sagrada ou profana) e de crenzas e imaxinario popular. É frecuente atopar nestas seccións obxectos apotropaicos como poden ser cruces de Caravaca, figas, cornos de vacaloura, alicornios, machados puídos do Neolítico (coñecidos como pedras do raio), estampas e escapularios, rosarios,… pero nunca vimos en ningún deles exposta unha gata-fouce ou fouce-gata sendo un elemento imprescindible para aliviar ás ánimas en pena do seu tormento.

Imaxes

Fouce, Gata-fouce ou Fouce-gata (modelo común)

Fouce, Gata-fouce ou Fouce-gata, con chuzo incorporado.

 


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: