Demo e o seu mundo
CATEGORÍAS RELACIONADAS
A casa enmeigada de Borraxeiros e a súa relación co sacerdote don Ricardo ‘da Fábrica’
Neste relato que queremos incorporar a Galicia Encantada preténdese divulgar en conxunto dous interesantísimos traballos de investigación, que aínda que tratan temáticas diferentes teñen algúns denominadores en común, xa que falan duns acontecementos paranormais que tiveron lugar entre 1916 e 1921 na aldea de Borraxeiros, no concello de Agolada (Pontevedra), e dunha das testemuñas que por aquel entón se fixo eco deses estraños fenómenos, o crego don Ricardo Sánchez Varela, coñecido como don Ricardo “da Fábrica”.
O primeiro dos traballos, da autoría do xornalista galego Jesús J. Blanco Rosas, foi publicado en diversos medios, e tamén na revista Enigma, e que chamou a atención do xornalista e escritor Lorenzo Fernández Bueno, quen o incorpora ao libro da súa autoría “99 Lugares encantados donde pasar una noche en vela”. Nesas publicacións refírense as circunstancias e as datas nas que se produciron os acontecementos nesa “Casa enmeigada” de Borraxeiros, e tamén os nomes dos seus protagonistas.
O segundo dos traballos da autoría de D. Manuel Mejuto Sesto (sacerdote e colaborador do museo de Melide xa falecido) trátase dunha extensa e ben documentada biografía sobre don Ricardo Sánchez Varela, quen nun libro seu titulado “Eva y Maria. Fenómenos diabólicos y milagros que demuestran el cumplimiento de la promesa hecha en el Paraíso”, publicado no ano 1951 , fala do acontecido nesa vivenda rural enfeitizada.
Esta historia mesmo chamou a atención dos reporteiros de Cuarto Milenio, que fará uns dous anos se achegaron ata o Museo da Terra de Melide, para saber algo máis sobre a figura de don Ricardo, e sobre o seu libro, polo que o director lles facilitou o traballo de D. Manuel Mejuto, publicado no Boletín nº 18 do Museo da Terra de Melide.
Os fenómenos paranormais considerados coma uns episodios de “poltergueist “ suxírennos mesmamente a actuación duns trasnos burleiros, que fan todo o habido e por haber por facerlle a vida imposible ós habitantes da casa que, sen ser convidados, adoitan ocupar.
Parafraseando o xornalista e investigador Blanco Rosas imos relatar os feitos de maneira literal extraídos do libro de Lorenzo Fernández Bueno e que nos permitimos a licenza de traducir ó galego.
“Os feitos tiveron como escenario unha vivenda rural actualmente deshabitada, coñecida como “a Casa de Varela”, xa que nela vivía coa súa familia Manuel Varela, un labrego retornado de Cuba. Todo aconteceu nunha tarde de maio de 1916, cando unha súpeta choiva de pedras sorprendeu ós habitantes do inmoble … Nos días seguintes as choivas de pedras continuaron … Mais a cousa non parou aí: pronto comezaron a moverse os obxectos e os mobles da casa, tamén os máis pesados, que con frecuencia erguíanse polo ar a gran velocidade e batían con violencia contra as paredes ou o chan … e toda a roupa e cousas que estaban gardados en caixóns ou en baúis aparecían revoltos fora deles. Os supostos espíritos tamén perseguían ás persoas da familia, quitándolles a roupa cando estaban na cama, tirándolles sacos cando ían ó muíño, e dándolles azoutas e golpes propinados por mans invisibles. Estas manifestacións mantivéronse activas ata o ano 1921, reproducíndose de xeito continuado aínda que en ocasións cesaban uns poucos días para volver a reanudarse con máis forza
A cuestión é que tempo despois o señor Varela comezou a perder o siso. A altas horas da madrugada erguíase, e dirixíase o cemiterio, onde os veciños víano rezando, pois así ordenábanllo as voces que oía no interior da súa vivenda.
Seis anos despois os fenómenos cesaron definitivamente aínda que según sostén o xornalista Jesús J. Blanco actualmente na parroquia hai quen asegura ter presenciado estrañas luces, sombras que se moven, animais negros (como cans e gatos), cos ollos avermellados, e outras manifestacións inquedantes, así tamén relata algún veciño que atopándose nunha finca próxima á casa coas vacas, estas saen correndo como se algo as espantara, ata a igrexa parroquial e que lle aconteceu noutras ocasións”.
Aínda pervive no subconsciente dos veciños da parroquia a memoria daqueles estraños fenómenos, a pesar do lonxe que quedan no tempo, e como se conta: “la gente tenía miedo, porque decían que esa casa tenía el meigallo encima”, como cita textualmente Fernández Bueno, facendo súas as verbas do xornalista galego.
O tema que relaciona este fenómeno con Melide, é que foi investigado e divulgado polo crego don Ricardo Sánchez Varela, quen foi arcipreste de Melide entre 1925 e 1955, data na que se suprime o arciprestádego de Melide que ata aquel entón pertencía a diocese de Mondoñedo, a partir desa data as parroquias de Melide pasan o arciprestádego de Abeancos, na diocese de Lugo.
Segundo as pescudas de Blanco Rosas, o párroco de San Cibrán, Ramón Casal Coego, comentoulle o acontecido ó señor Varela (que como xa dixemos perdera o siso por causa destes acontecementos molestos sucedidos na súa casa) a don Ricardo Sánchez que fala no seu libro destas perturbacións: “El señor cura (referíndose a Don Ramón Casal) me dijo que ascendía a unas dos mil pesetas el perjuicio que le habían causado en sus bienes al señor Varela, y que los malos tratos recibidos lo habían puesto enfermo y le acortarían la vida, pero que, a cambio de esto, le habían producido muy favorable impresión para su bien espiritual, aficionándolo a los ejercicios de piedad”.
Estas declaracións aparecen no libro publicado no ano 1951 de don Ricardo Sánchez “da Fábrica” titulado “Eva y María….” Un extenso tratado de apoloxética mariana, no que aparece a Virxe María como vencedora de Satanás. Como apunta don Manuel Mejuto Sesto, que fai a biografía de don Ricardo, a cuarta e derradeira parte do libro afonda nesta faceta mariana xa que a trata como fiel aliada do home na súa loita contra o demo. Describe amplamente a posesión diabólica con abundantes casos e testemuñas sobre a posesión, recollidos, principalmente de publicacións francesas. Remata o libro facendo un pequeno excursus pola bruxería, o espiritismo e o psiquismo. Nesta liña entrarían relatos de fenómenos paranormais, como o da casa enmeigada de Borraxeiros, ou a casa do Demo en Anllóns (Ponteceso), investigada tamén por Blanco Rosas.
Como apunta Mejuto, don Ricardo era unha persoa moi xenerosa, e cando remata a introdución do libro “Eva y María….” diríxese ó lector deste xeito: “Todo aquel que vea algo útil en mi trabajo, puede aprovecharlo, ya sea copiándolo, corrigiéndolo, traduciéndolo o haciendo el uso que crea conveniente, sin pedirme permiso; puesto que lo considero como un bienhechor al que doy las gracias por anticipado”.
[Texto e fotografía remitidos por Xurxo Broz e Cristina Vázquez, de Melide (A Coruña). Xuño de 2015]
BIBLIOGRAFÍA
COMENTARIOS ENVIADOS