Un cruceiro para escorrentar os trasnos
Segundo nos informan os autores do valiosísimo inventario de Cruceiros do concello de Vilalba o cruceiro do lugar do Foxo, parroquia de Corbelle, concello de Vilalba (Lugo), ergueuse en 1891 para escorrentar a un demo que se aparecía por alí.
O cruceiro, que pertence á Casa de Aurelia Chao, ten a plataforma, a base, o capitel e o fuste de cantería, e a cruz de ferro.
Ao parecer, o demo, un demachiño ou demontre, un demo rumudo (por como fala) ou trasno, aparecíaselle alí a unha veciña do lugar. Unha vez fíxolle burla. A muller perdera un carneiro e cando o atopou colleuno ao lombo para levalo para a casa. Mais ao pasar polo Foxo, a muller ía cansa e quixo descansar, así que cando quixo pousar o carneiro, este falou e dixo:
—Póusame a modiño e non me rompas o meu caralliño!
E ao dicir isto, o carneiro desapareceu.
Para que non volvese a suceder, e non volveu, ergueuse alí o cruceiro que agora vedes na fotografía.
BIBLIOGRAFÍA