Actualizado en data 08/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Demo e o seu mundo

O demo (trasno) simulador de sons. Dúas lendas de Suarbol

Son moitos os relatos que manifestan a capacidade do demo para mudar o seu aspecto e tamaño á súa vontade. Con todo tamén é habitual que faga as súas trasnadas sen deixarse ver. Na tradición europea é habitual que conduza á súa vítima cara un barranco ou unha presa, desviando os camiños, facéndose pasar por un bondadoso ancián, unha fermosa moza ou calquera outro ser para conseguir así aniquilar unha persoa ou simplemente para gastarlle unha brincadeira macabra. É frecuente tamén que para acadar os seus propósitos arremede todo tipo de sons, chíos, mesmo laios, gargalladas e choros, que en ocasións pretenden atraer ou aterrorizar a vítima. Hai quen considera que o demo está detrás deses sons que se producen en casas abandonadas ou encantadas, ou na imitación da voz dalgún familiar morto que se nos manifesta. Esta capacidade de ventrílocuo que simula os máis diferentes sons e voces está presente en dúas lendas que recollín na aldea ancaresa de Suarbol, concello de Candín, provincia de León.

A vaca desaparecida de Suarbol
Na mitoloxía tradicional non son raras as historias nas que o demo chega a raptar algunha persoa, normalmente un neno, empregando as súas enxeñosas mañas na busca de novas almas para a súa causa. En Suarbol relátase un caso no que o refén era unha simple vaca. Algunhas persoas desta aldea contan a historia dun home ao que lle faltaba unha vaca desde había catro ou cinco días. Un día uns veciños escoitaron que dunha lomba chegaba o son dunha choca que axiña recoñeceron como a da res desaparecida. Subiron ao outeiro e a choca xa soaba máis lonxe, nunha montaña. Cada vez que se achegaban ao lugar onde se escoitaba a campá o son ía afastándose, até que chegaron a un lugar onde o que viron, por un momento, foi un misterioso home que coa propia choca da xovenca desaparecida era quen facía o son.

O demo que arremedaba o canto do carro
Era un día de moita neve e estaban uns homes traballando. O que facían era arrastrar uns enormes troncos pola aba da montaña aproveitando o desnivel e a axuda que lles supuña a neve para que as toradas escorregasen con máis facilidade monte abaixo, cara á aldea ancaresa de Suarbol. Estando en plena faena escoitaron que desde o Brañolín chegaba un ruído agudo e estridente, sen dúbida era o cantar dun carro. Era imposíbel que con aquela grosa capa de neve que o cubría todo puidese haber alguén guiando un carro, polo que despois de falar con algún dos veciños máis vellos souberon que se trataba do demo que andaba a facer as súas trasnadas.

[Texto de Marcos Seixo Pastor, de Cuntis (Pontevedra). Outubro de 2009]

BIBLIOGRAFÍA


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

COMENTARIOS ENVIADOS

Hola! Quisiera saber los nombres de las personas que le contaron estas dos leyendas! Gracias de antemano!

Enviado por Noelia Quiroga o 14/03/2018 ás 14:46:30


Enviar comentario a este artigo: