O demo coxo en Abadín
Este demo é o encargado de recoller as almas dos que morren pero, como é trenco, case nunca chega a tempo. Cando se tropeza con el, o mellor, para que non nos faga dano, é dicir as palabras de San Xoán Retorneadas, se é que se saben; senón que haxa sorte. Hefaistos e Baco tamén eran coxos e estaban relacionados co inferno.
O Xosé, tería vinte e tantos anos, ía ver a moza e no camiño por onde traían os mortos dos Samordás, parroquia de Galgao, concello de Abadín, deulle a gana, dispensando, de baixar os pantalóns. Arrimouse así a un lado do camiño e estivo facendo as súas necesidades. E, niso, ve que pasa alguén coxeando polo camiño que vai cara a igrexa parroquial; e era o demo, e coxeaba. O mozo levantouse e quedou quieto.
E foi boa sorte porque se lle chega a falar ó mellor o leva canda el. O Xosé despois soubo que aquel día houbera un defunto nos Samordás e supuxo que o demo coxo non chegara a tempo para recibir a alma do que morreu, e regresaba desgustado.
BIBLIOGRAFÍA
COMENTARIOS ENVIADOS