Actualizado en data 18/10/2019

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Alén, Máis Alá

CATEGORÍAS RELACIONADAS

Almanzor e o cego do Sobroso

Os datos históricos (para ambientar):
En plena Reconquista, trala aparición do corpo do Apóstolo, Santiago «Matamouros» convertiuse en facho guieiro da fe cristiá fronte á fe islámica. Dende o Califato de Córdoba víase con inquedanza ese movemento e no verán do ano 997, Almanzor encabezou unha das súas expedicións, a máis importante de todas, ás terras de «Jaliquia» para poñer orde. Ía sementando o terror alí por onde pasaba, atacando e derrubando sen piedade todo o que atopaba ao seu paso. Chegou a Compostela e derrubou boa parte da Catedral (daquela aínda basílica), levando como trofeo de guerra as súas campás ata Córdoba ao lombo de prisioneiros cristiáns.
Agora, a lenda:
Naquela expedición, Almanzor chegou ás terras do Condado, moi preto do castelo do Sobroso (Ponteareas), e decidiu enviar por diante un destacamento encabezado polo seu capitán Abd-El Krim (ou Abd-el Kramer, ou Ab-del Kader, segundo as distintas versións), coa misión de inspeccionar o castelo e ver a maneira de atacalo, mentres o resto de soldados recuperaban folgos non moi lonxe. Pero era tal a fama que arrastraba Almanzor naquela viaxe, que tanto os veciños como os donos do castelo marcharan todos, así que Abd-El Krim ocupou a praza sen problemas. Unha vez instalado mandou aviso a Almanzor e mandou baleirar as despensas e preparar unha gran festa para recibir como se merecía ao xefe do exército.
Pero disque había un mendigo cego que de cando en vez subía ao castelo para entreter aos señores, que non fora avisado do que estaba acontecendo. Descoñecedor de que quen ocupaban agora o Sobroso eran os sarracenos, subía pola ladeira do monte Landín anunciándose co zongue-zongue da súa zanfona e entonando algunha vella cantiga. Abd-El Krim escoitou aquel son doce e pausado, aquel lamento fungón e tristeiro, e ficou abraiado. Disque se enfureceu ao ver a indiferencia do cego no seu pausado camiñar, que lle fervía o sangue ao atopar a un cristián no medio deles, que considerou unha aldraxe que os viñese molestar con aquel son que cría burlón, e ordeou que o levasen á súa presencia. O cego foi arrastrado diante do capitán e Abd-El Krim, enrabexado como estaba, segoulle as mans coa súa cimitarra e logo cortoulle a gorxa, e ordeou que botasen fóra aquel corpo e que seguisen os preparativos da festa para recibir a Almanzor.
Contra a noite chegou o caudillo ao Sobroso e comezou o festín. Pero no medio da festa o vento quixo arrastrar por entre as ameas un son doce e pausado, fungón e tristeiro, un zongue-zongue que fixo enmudecer a concurrencia. Almanzor veu aos seus tan amolados que de seguida mandou que detivesen aquel lamento, pero o son da zanfona seguía aboiando na sala mentres os soldados ficaban mudos. Abd-El Krim tirouse de xeonllos diante de Almanzor e explicoulle o que acontecera aquela mesma tarde, que aparecera un cristián tocando un instrumento, que el mesmo lle cortara as mans e o pescozo, e que tiraran o seu corpo ao pé das murallas. O xefe do exército ordeou que se buscase ao novo trovador e que se repetise o castigo, pero os soldados non foron quen de atopar a ninguén. Almanzor pedíu ver o corpo do mendigo cego e, acompañado dun grupo de soldados, foi ata o lugar en que fora tirado. Disque ao chegar, o son da zanfona era moito máis forte enchendo o aire de tristura e de misterio, e que o vento arrastraba por entre as rochas e as sobreiras unha vella cantiga. E que o propio Almanzor puido ver o instrumento a uns metros do corpo, e as mans do cego, aínda aferradas a el, movéndose e facéndoo sonar maxicamente.
E aínda contan na vila que, cando Galicia está a piques de sofrir algún tipo de traxedia, pódese escoitar aboiando no aire o zongue-zongue daquel cego, o lamento triste e fungón da súa zanfona, e ao vento espallar aquela cantiga.

[Texto remitido polo escritor Manrique FERNÁNDEZ, natural de Cospeito (Lugo) e residente en Ponteareas (Pontevedra)]