Actualizado en data 21/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Alén, Máis Alá

CATEGORÍAS RELACIONADAS

Floralba e o peregrino

Nunha noite de invernía, de chuvia, lóstregos e friaxe, un peregrino sube pola ladeira do monte Landín, no alto do cal se atopa o castelo do Sobroso. Chega exhausto pola camiñata e pide que lle permitan pasar a noite ao abrigo. O señor do castelo, don Fiz Sarmiento, home piadoso, ábrelle as portas e dalle algo de comer. Vendo o seu deteriorado estado decide que fique uns días no castelo recuperando as forzas, e explícalle que el deberá marchar de seguida cos seus homes a Granada, que os Reis Católicos pediron a súa axuda para expulsar de Granada aos mouros pero que, na súa ausencia, será atendido pola súa dona, Floralba.
Ao albor do outro día, don Fiz marcha cos seus homes. Na súa ausencia, o peregrino, engaiolado polos encantos da condesa, non tarda en tentar acadar o seu favor. E tanto insiste que acaba por namorar á moza. Pouco despois, chegan novas de que don Fiz retorna vencedor da guerra. Floralba, inqueda e temerosa da reacción do seu esposo, decide fuxir co peregrino.
Cando o conde chega ao castelo e se decata do acontecido, reacciona con rabia e carraxe e comeza a impartir ordes precisas: que se recollan todas as cousas de Floralba, que se apilen fóra do castelo e que se lles prenda lume. E prohibe que o seu nome volva a ser pronunciado. Logo péchase na Torre da Homenaxe, onde fica encerrado varios días, chorando a ingratitude da súa dona.
Unha tarde escóitanse uns golpes no portón da entrada e o vixía anuncia a chegada de Floralba ao castelo. Don Fiz sube ao alto da Torre para impedirlle a entrada. Ela pídelle que lle abra as portas, suplica o seu perdón, pero o conde négase. A condesa explícalle que na súa fuxida, o peregrino foi atacado por unha besta e que morreu ao caer nun pozo preto de alí, na Picaraña. Don Fiz négase a abrirlle as portas e volve a refuxiarse na Torre da Homenaxe. Floralba segue suplicando o perdón sen obter ningunha resposta do seu marido. Vai caendo a noite, unha noite clara, de lúa chea, e Floralba segue dando voltas arredor do castelo. A piques da alborada, o seu corpo cae rendido e, pouco a pouco, váiselle a vida. Cando avisan a don Fiz, acude de seguida, recolle o corpo da súa dona, sube de novo ao alto da Torre da Homenaxe e tírao con forza á ladeira do monte mentras berra con desesperación que ninguén se atreva a tocar aquel corpo; que ninguén ouse enterralo e que deixen que os animais acaben con el.
E como nin o corpo do peregrino nin o de Floralba foron sepultados en terreo santo, as súas almas foron víctimas dunha maldición: nas noites sereas, nas noites claras, de lúa chea, a pantasma de Floralba aparécese dando voltas arredor do castelo e suplicando que lle abran as portas sen obter resposta; nas noites de invernía, de chuvia, lóstregos e friaxe, a pantasma do peregrino aparécese ao pé do monte Landín, gabeando pola ladeira pero sen acadar nunca o castelo porque a piques de chegar á porta, volve a aparecer ao pé do monte e inicia de novo a subida. Esta maldición leva implícito outro castigo: a condea a non volver a atoparse nunca, nin sequera coma pantasmas.

[Texto remitido polo escritor Manrique FERNÁNDEZ, natural de Cospeito (Lugo) e residente en Ponteareas (Pontevedra)]

BIBLIOGRAFÍA


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: