Actualizado en data 26/03/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Micromitos 088: Xaneiro

Xaneiro vén de Xano, deus romano con dous rostros; o de home vello mirando ao pasado e o de mozo, endelgando futuro.

O primeiro de ano é augural, propicio para facer prognósticos. En Portugal din «O que se faz o primeiro día do ano, faz-se todo o ano». No Courel cren que a primeira persoa coa que tropezamos condiciona a sorte do ano. En Franqueán, O Corgo, antes de nacer o sol primeiro afuman as dependencias da casa queimando loureiro verde bendi­cido e repetindo «Señor Soberano / entre lo bueno, salga lo malo! /Rebollón fóra!» Segundo aclara J. Luis Garrosa a palabra 'rebollón' pode ter relación co francés réveillon que alude ás ceas de Nadal e Ani­novo. En Cervantes e noutros lugares acendíase o Lume Novo neste día; botá­banlle flores e culleradas de manteiga en sinal de respecto.

En Figueirido, Vilaboa, —cóntao C. Solla— un trasno rebuldeiro entretense asubiándolle ao oído ao máis babeco do lugar e a vítima ten que aguantar o ano enteiro escoitando o asubío.

Na antiga Roma regalábanse moedas co anagrama A.N.F.F. (Annum novum faustum felicem). Pois iso lles desexo!


SerieMicromitos

Publicación: Nós Diario, 2 de xaneiro de 2021.


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: