Alén, Máis Alá
CATEGORÍAS RELACIONADAS
Micromitos 065: Santo André de Teixido
Como o día 30 de novembro é o de santo André cóntolles que chegou a Teixido por mar e que na beiramar hai unha pedra coñecida como Barca de santo André.
En certa ocasión pasaron por cabo del Cristo e san Pedro e atoparon a André dentro dunha mazá André queixouse de ter que quedar naquel lugar ermo ao que ninguén chegaría, e que xa era mala sorte, en comparanza con Santiago que tiña un santuario ao que ía en peregrinación toda a cristiandade.
—Tranquilo, André —díxolle Cristo—, que ao teu terán que vir todos, vivos ou mortos! E o que veña sete veces, gañará a salvación eterna!
Por iso se di que «A santo André de Teixido vai de morto quen non foi de vivo».
Para quen non fose en vida, hai un remedio que aforra ir despois. Ter no peto na hora da expiración un amuleto coñecido como Cruz de santo André. Trátase dun coio, normalmente agrisado, no que a natureza dispuxo a figura dunha cruz en aspa, xeralmente branca, como a do martirio do santo.
André foi pescador, irmán de Pedro e apóstolo de Cristo. Padeceu martirio. Atárono a unha cruz para que agonizase lentamente.
Morreu ao terceiro día.
Serie: Micromitos Publicación: Nós Diario, 28 de novembro de 2020