Alén, Máis Alá
CATEGORÍAS RELACIONADAS
As lendas de Caldaloba
O que queda en pé do castelo de Vilaxoán ou Caldaloba, en Pino (Cospeito), é unha torre en ruínas. Alí resistiu ata onde puido Constanza de Castro, filla de Pardo de Cela, e con ela e alí mesmo finou definitivamente, pouco despois da decapitación do mariscal, a resistencia da nobreza galega fronte aos poderes casteláns.
Todos os sucesos máxicos que roldan Caldaloba atenden aos arquetipos da nosa tradición. Unha moza, filla do señor da torre, convértese, por maldición dun nobre, aspirante a amante, en loba branca cando este a sorprende cun ferreiro nun leito de arume, á sombra dun piñeiro. Vese que o plebeo, que ademais era gaiteiro, non merecía, ao entender das amizades dos señores do castelo, tan delicado pastel. A loba aínda segue ouveando algunhas noites por aquelas paraxes.
Xosé Luís García Mato, nun artigo publicado neste xornal en 1971 dá conta doutras tres lendas. Segundo unha delas no castelo de Vilaxoán vivía unha meiga nova que se divertía téndolles o camiño aos mozos cando ían ver as mozas. Enredábaos e brincaba con eles. A un, o máis valente de Xoibán, despois de gozalo toda a noite, deixouno encabalgado nunha chanta e así o atoparon os veciños ao amencer. Á noite seguinte o rapaz levou un rosario protector e a meiga tivo que absterse e non enredalo.
No soto máis profundo do castelo hai un formigueiro enorme, o maior do mundo, e cando é a sazón os insectos van roubar polas leiras máis de cincuenta fanegas de trigo que logo gardan para ir comendo polo inverno. Hai quen di que non son formigas, que son mouros os que fan estas razzias, e que lles axuda unha moura.
Xosé Luís de Percival e Luden, de orixe veneciana, señor de Caldaloba e cabezallo dun señorío do que non hai constancia, rebelouse contra os Reis Católicos. Era un líder espiritual, xefe dunha seita que en vez de guerreiros contaba con discípulos. Un deles, un tal Nandiño, en vez de atender a misión de evanxelización que lle encomendaran, dedicouse á boa vida. Foi chamado a capítulo e, temendo un duro castigo, tróuxolle de regalo ao Luden un paxaro de cor azul metálica.
Non lle valeu de moito ao tal Nandiño a estratexia. Foi cesado das súas funcións e o paxaro liberado, converténdose nunha choia.
Pasou o tempo, aumentou a sona de sabio teólogo, escritor e predicador de Percival e Luden, a inquisición botoulle o ollo, acusouno de herexe e como non se retractou, acabou condenado á purificación eterna polo lume.
Os do Santo Oficio concedéronlle un último desexo; que a cerimonia da queima do seu corpo se celebrase aproveitando a fogueira da Noite de San Xoán. E así foi. Acenderon o lume e nada máis poñelo enriba, o corpo inflamouse, envolveuno un fume azul metálico, como a da plumaxe das choias, e desapareceu.
E aínda se di que hai un túnel que vai desde a torre ata a fonte dos Reás, e que hai tesouro, un cabaleiro de a cabalo todo de ouro, e que un Montenegro que viviu na casa matou unha desas enormes serpes que dan certificado de destemido a quen fai tal.
Hai que salvar Caldaloba, as pedras e as lendas que lles deron o alento para manterse en pé máis de cinco séculos.
©Antonio Reigosa
Serie: “Andel de Marabillas”, El Progreso, 28 de setembro de 2020.