Alén, Máis Alá
CATEGORÍAS RELACIONADAS
Micromitos 017: Machismo de ultratumba
Da violencia machista entre vivos estamos moi fartos; da de ultratumba apenas hai casos pero algún hai, como este do antigo noivo que lle zoscaba á rapaza a pesar de estar morto.
Xustina traballaba de criada nun pazo polos arredores de Vigo e cando ían casar o mozo morreu de repente. De alí a tempo botou outro mozo pero cando anunciaron o casamento ela comezou a comportarse dunha maneira rara. Choraba e laiábase decontino, ninguén sabía nin intuía o motivo ata que ela falou.
A resposta foi sorprendente: O meu antigo mozo, o defunto, arréame labazadas!
Os malpensados creron que eran remorsos daqueles vellos amores, un pesar que lle impedía dar o paso de casar con outro home. Pero ela insistía; o defunto zoscáballe.
Decidiron vixíala e comprobaron que era certo. Ver non se vía ninguén pero sentíanse resoar os lapotes, e, ademais, a cara de Xustina aparecía claramente marcada.
Como se resolve un caso así! Moi doado. Foron xunta o crego, que deu unhas misas pola alma do finado e todo volveu á normalidade máis normal.
Xustina casou co mozo vivo e foi feliz.
«⇔»
Serie: Micromitos Publicación: Nós Diario, 23 de setembro de 2020.
Locución audio: Rocío Romero Otero