Actualizado en data 08/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Micromitos 016: A música do vento

A min contoumo Manuel Cabaleiro e a el o seu irmán, Federico, quen xa o escoitara da nai, e esta da avoa, e así quen sabe desde cando se contaba na casa. O caso sucedeu en Cabreiros, no concello de Xermade.

Unha vez pasou polo lugar un cego que andaba pedindo esmola polas portas. Agradecía as doazóns interpretando, coa axuda dun violín, coplas e romances. Un can servíalle de guía.

Por enfermidade, por vello ou polo que fose, o cego morreu e os veciños do lugar para non ter que dar explicacións á xustiza nin á garda civil acordaron soterralo ás caladiñas nunha illa que se forma entre dúas canles do río Trimaz. No burato, canda o corpo, inhumaron o violín. 

O prodixio poético veu despois. Manuel di que o seu irmán asegura que a súa nai lle dixo que cando un refacho de vento abana as pólas das árbores que medran naquela illa inzada de carballos, salgueiros e bidueiros hai quen escoita as mesmas melodías que interpretaba o cego cando andaba polas portas pedindo para comer.

Hai que ir alí en día airado e escoitar, a ver se é certo! O can desapareceu, buscando a vida.

«⇔»

SerieMicromitos Publicación: Nós Diario, 22 de setembro de 2020.

Locución audioRocío Romero Otero


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: