Alén, Máis Alá
CATEGORÍAS RELACIONADAS
Micromitos 004: A hora do solpor
Onde está a lagoa do Carregal, en Ribeira, había unha cidade chamada Malverde. Era urbe de mouros, fachendosa e rica ata que Carlomagno, Oliveiros, Roldán e os Doce Pares de Francia retaron aos seus habitantes a vida ou morte.
Comezou a batalla de mañá cedo e cando xa estaba a piques de anoitecer só quedaban uns poucos mouros por dobregar. Di a lenda que Roldán, que non gustaba de deixar o choio a medias, fixo subir o seu cabalo a unha peneda (quedou a pegada da ferradura en proba) e pediulle ao ceo unha hora máis de luz para rematar a batalla.
Foille concedido un tempo de luz sen raios de sol que lle abondou para liquidar os poucos mouros que quedaban vivos e asolagar para sempre, baixo a as augas do Carregal, a antiga Malverde.
A lenda está inspirada no poema épico La Chanson de Roland (s. XI) coa variante de que alí o sol detense milagrosamente para Carlomagno "Car le soleil s'est arrêté, immobile, dans le ciel".
Agora xa saben como naceu a hora do solpor, ese tempo extra de luz que vai desde a posta do sol á noite pecha.
© Antonio Reigosa. Serie: Micromitos Publicación: Nós Diario, 4 de setembro de 2020.
Locución audio: Rocío Romero Otero