Actualizado en data 21/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Pena Molexa

A Pena Molexa está en Vilasuso, parroquia de Santa María Maior do Val, concello de Narón (A Coruña), a uns douscentos metros do castro coñecido como Monte do Castro.

Disque a fixo (ergueu, construíu) unha vella (moura) con un dedo.

O ENCANTO
O que é seguro é que a Pena Molexa garda un encanto cun grande tesouro. Uns dín que o encanto e o tesouro toman figura de galiña con pitos de ouro no alborexar do día de San Xoán; outros cren que a vixianza corre a cargo dunha enorme serpe con ás, que de cando en cando pousa na pena, e mais dun río soterráneo que impide o paso a quen se achegue.

A MOURA
Tamén se di que a Pena Molexa é unha moura petrificada por culpa dun feitizo. A noite do 23 de San Xoán desfaise o encantamento durante un tempo impreciso; entón a pedra recupera a forma de muller fermosísima, abeirada dos seus haberes.
Quen teña o privilexio de ver este desencantamento pode escoitar como a moura lle ofrece escoller entre ela e un dos seus tesouros; mais, homes humanos avarentos, pretender toda aquela riqueza en vez de quedar coa moura só provoca que a fermosa muller se volva a convertir en pedra ata o San Xoán seguinte.

UN REI CO SEU SERVIZO
Tamén se conta que a Pena Molexa pode ser un rei, e os penedos que a circundan homes e mulleres ao seu servizo, todos alí malfadados. Se así fose, a noite de San Xoán todos estes penedos retomarían a forma humana ata o abrente do día para volver a seren pedra ata o seguinte ano.

O TESOURO
Un día chegou cabo da Pena Molexa un home cun libro máxico, o sonado “Cirpianillo”. O home sentou na pena e leu o libro aquel dúas veces, desde o comezo ata o final. Logo desleuno, é dicir, comezou pola última palabra e leu ao revés ata o principio do libro.
Foi acabar a lectura e ver saír da pena tres mulas cangadas de ouro, mesmo as bestas semellaban feitas de ouro. Nunca máis se soubo das mulas nin do home.
Se cadra, o tesouro da Pena Molexa xa non está alí, ou si, quen o sabe; o que é seguro é que de cando en cando saen da peneda uns encantos e vanse indo, a modiño, coma tristeiros, ata perderse no mar.
Hai uns anos o Servizo Sociocomunitario Municipal e a concellería de Cultura do concello de Narón, xunto coa Asociación de Veciños "Os Irmandiños” organizan arredor desta pena unha romaxe coincidindo coa noite de San Xoán.
O ingrediente principal, xunto co lume, é a maxia, mais, aínda que a moura convoca alí ao mellorciño dos magos galegos da actualidade, nin así, segundo din os que alí van, ceiba o tesouro o encanto da Pena Molexa.


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: