Actualizado en data 02/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

nº 16 (2020): Broz, Xurxo e Vázquez, Cristina: A propósito de nubeiros, tronantes, desconxuramento de tronos e as virtudes das campás na tradición oral da Terra de Melide

© Xurxo Broz e Cristina Vázquez

Sobre este tipo de fenómenos naturais, ou ancestralmente sobrenaturais, moitas foron as crenzas que lle conferiron unha dimensión tan sumamente corpórea e poderosa que levou a que se vinculasen a forzas atávicas e non a fenómenos propiamente naturais. Fenómeno favorecido polo medo a este tipo de perturbacións atmosféricas, que chega a paralizar ás xentes polo temor e medo que lle producen este tipo de manifestacións incontrolables e impredecibles.

Xa os eruditos do Seminario de Estudios Galegos (Risco e Amador Rodríguez) recollen este tipo de crenzas e medos no “Terra de Melide”, expresándose nos seguintes termos:

OS ESPRITOS DO AR. Nos casos recollidos tocantes ó desconxuramento dos tronos, se non fala determiñadamente de nubeiros, escoleres, legrumantes, nen d´outros seres espirituás ou corporás ós que se ll´apoña a producción d´aquiles fenómenos. Somentes o Antón de Ulloa, na súa cencia moi superior á dos outros, esprícanos que os que fan os tronos son espritos qu´andan antre o aire e a terra. Isto lémbranos a versión que temos recollido na Terra de Caldelas (partido de Trives, Ourense) asegún a que, cand´os anxos rebeldes foron botados do ceo para o inferno, a Virxe apidóuse d´iles e intercedéu no seu favor, pol-o cual, os derradeiros qu´iban caíndo, ficaron flotando ou aboiando na rexión do ar, e son os causantes dos fenómenos estranos qu´ouservamos.

Mais o común da xente de Melide, confunde ó falar o axente co efeito por il producido, e di qu´os cregos desconxuran os tronos direitamente, sen se referiren á ningún ser que non seña o mesmo trono. Ora, en todol os casos, os tronos están persoificados, e pórtanse como seres viventes e pensantes. N-efeito, coma no caso do demo, do trasno e nos que hemos ver das bestas, o trono cando o desconxuran, pregunta:

-Para onde me mandas?.

E igual que n´aquiles casos, o desconxurante ten que ll´indicar un sitio. Cuia creenza é común, no caso dos tronos- non tanto no do demo e trasno- á outros lugares de Galiza.

Como caso típico certo, fálase do cura vello, que botóu un trono grande a un monte da Golada, onde non podía faguer mal.

Outros remédeos hai contr´os tronos que non deben ter que ver coá posíbele creenza en espritos tempestarti: o tocal-as campanas, que asegún din, denantes tocaban á trono en todal-as eirexas; o queimar loureiro bendito, e o alcendel-a vela do Santísemo. Todos iles común en Galiza”.

Sobre as virtudes de determinadas campás para esconxurar ós tronos existen referencias que fan mención a determinadas propiedades como as que recolle, de xeito moi exhaustivo e versado, Miguel Ares Rúa, investigador natural da parroquia de San Romao (Santiso). Nun excelente traballo sobre as tradición populares desta bisbarra (a Terra de Melide, e tamén da veciña Arzúa) aborda esta realidade e fai mención ás virtudes que teñen determinadas campás da zona para arredar ós tronos.

Refire este autor que: “…estas campás tócanse antes e namentres dura a treboada, loitando desta maneira contra os elementos naturais adversos.” E entre elas cita ás da igrexa de Vilantime (Arzúa) que “abren a tormenta”, a de San Martiño das Varelas (Melide), mais afirma que a máis eficaz é “a pequena campá da capela do Ribeiro de Visantoña, que esparexe a tormenta nada máis empezar a tocala. Mais haina que repenicar a tempo para que o seu poder sexa eficaz” (desgraciadamente esta capela atópase nun severo e acusado de ruína, e na actualidade xa non conta coa espadana nin coa súa campá). E nese relatorio aporta o interesante dato de que “Pola contra, as campás de Visantoña (Santiso) teñen a non desexada facultade de chamar pola tronada, razón pola que permanecen en silencio namentres duran os tronos”. E nesa liña de campás “ineficaces” para afastar os tronos cita as campás das igrexas de San Romao (Santiso) e Rendal (Arzúa), posto que en ambos casos as espadanas e as campás foron obxecto dos efectos devastadores dos lóstregos, que chegaron a botar abaixo campanarios e a fender ós instrumentos.

Tamén sobre a virtude de determinadas campás, para escorrentar tronadas e espantar nubeiros, Vicente Risco e Amador Rodríguez apuntan as seguintes apreciacións: “...En toda Galiza, e pol-o tanto en Melide, apónselle esta virtude aos sinos das eirexas, non igualmente a todos co-a mesma eficacia.

Os de Furelos, que son dous, proceden, coma veremos máis adiante, d´un encanto que había no fondo do río; o que máis fino toca, chámase Santa Clara. Antr´as dúas espantaron unha vez un nubeiro, do que se conserva lembranza.

Os da Nosa Señora dos Anxes teñen promisión da Virxe de que, onde queira que chegue o seu son, non farán mal nen tronos, nen lóstregos, nen cousa de outro ceo vida.

Iste poder dos sinos, creenza xeral na Europa, venlles xa d´estaren consagrados e teren algo de humán no xeito qu´a Eirexa os trata, impóndolles un nome, etc...”. E así debe considerarse, posto que Miguel Ares atribúe a ineficacia escorrentadora de tronos da campá da Igrexa de San Romao a un erro na súa consagración: “Foi mal bendita, din. Ou quizabes foi porque tal ceremonia se fixo en tempos de seca, cando o que máis conviña era o beneficio da auga. Certo foi que unha noite de tronada, aló polo ano 1794, un gran lóstrego- ao que lle segue un trono inmenso que fai estarrecer a toda a parroquia- fende a campá da igrexa. Un laio de bronce, e unha última queixa, esténdese daquela polo mundo adiante, baixa ata os ríos e rube polos montes durante algúns segundos máis. Mais ben pronto, a choiva e un novo trono afogan as derradeiras queixas do sino malferido”.

Capela da Nosa Señora de Loreto, casa do Ribeiro, (Santiso), coa campá que esparexe a tormenta nada máis empezar a tocala. Foto de finais da década dos 70, na actualidade en destacado estado de ruína (sen tellado, espadana e campá).

A maiores da virtude das campás ou sinos tamén hai referencias a outro tipo de prácticas para facer fronte ós efectos perturbadores de tronos, lóstregos, tormentas e demais manifestacións atmosféricas tan sobrecolledoras. Nese eido Broz Rei apunta que “A Fonte Santa, dos Ánxeles (igrexa melidá xa citada no referido á virtude dos seus sinos), detrás da igrexa, onde os romeiros collían auga e levábana para a casa porque decían que era boa para os animais, o campo e as tronadas.”.

Tamén refire Cacheda Vigide como se invoca e venera ó San Bartolomeu do Santuario da Mota (Santo Estevo do Campo, Arzúa) para tal efecto: “Las leyendas, tradiciones y devociones relacionadas con este Santuario están vinculadas a los Apóstoles, pero los tres citados predominan sobre los demás (San Bartolomeu, San Mateo e San Simón), especialmente San Bartolomé. Se dice y se cree que él es el protector de las cosechas ante la tormenta y el granizo”.

E volvendo ó saber do pobo, recollido moi rigorosamente por Ares Rúa, como métodos para combater ós tronos ou para protexerse do efecto danoso dos mesmos, cita os seguintes:

Cando a treboada está cerca e xa se están a sentir os tronos, quéimanse na lareira follas de loureiro bendito, tamén chamadas cruces de San Pedro Mártir. Estas cruces están feitas de dúas follas cruzadas da dita planta, gardadas con agarimo na casa, e dise que ata onde chega o fume dese loureiro queimado que sae pola cheminea, non fai dano algún a tronada.

Tamén se pechan as portas da casa así como as contras de madeira das ventás, pra que non entre centella algunha dentro.

Denantes de se queiman as follas de loureiro, pódense recitar tamén certas oracións que teñen o poder de escorrenta-la tronada. Trátase de invocacións hoxe case esquecidas. Algunhas atópanse nos antigos rituais que antes había nas igrexas, namentres que outras foron elaboradas polo pobo ao longo dos séculos; ámbalas dúas formas, de contrastada eficacia no caso.

Outro remedio eficaz é acender a vela do Santísimo, que se atopa no interior da igrexa parroquial. Dende que isto se fai, non hai grandes tronadas nen saraibadas que fagan estragos nas colleitas da parroquia.”. E nesa mesma liña refire Broz Rei que pola Festividade da Santa Cruz ( día 3 de Maio) “...póñense as cruces nas leiras e nas casas, e dise: -sapos e cortas marchade de aquí, que a auga da Pascua vaivos aí, pola gracia de Deus e da Virxe María, un padrenuestro e un avemaría...Dise en canto se bota cun ramallo mollado na auga sobre a leira...o tempo que se pon unha cruz de oliveira cravada cunha vara de sabugo, na beira do terreo...”

[Texto remitido por Xurxo Broz e Cristina Vázquez, de Melide (A Coruña). Marzo de 2020]

(Arquivo PDF)

BIBLIOGRAFÍA


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: