Actualizado en data 08/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Alén, Máis Alá

CATEGORÍAS RELACIONADAS

A sombra peregrina da Quintana

Hai dúas versións sobre a visión dunha sombra (pode que sexa a de dous fantasmas diferentes) vestida de peregrino na Praza da Quintana de Santiago de Compostela.

Unha conta que se trata do espectro dun crego da catedral que se namorou dunha monxa do mosteiro de San Paio de Antealtares. Acordaran escapar xuntos disfrazados de peregrinos pero como a monxa nunca acudiu á cita, a sombra da ánima do crego namorado segue agardando e perpetúase, como proba, deixándose ver cada noite contra o muro do templo.

A outra versión di que a imaxe pertence a Leonard du Revenant, nobre francés do s. XV. Disque matara ao seu pai para quedar coa herdanza e a xustiza condenouno a peregrinar a Compostela. Facendo o Camiño namorouse dunha moza nunha pousada, pero como a moza xa tiña mozo, Leonard asasinou ao mozo e, tras violala, tamén matou a moza.  Para continuar viaxe sen ser recoñecido disfrazouse de frade franciscano. Cando chegou a Compostela non atopou onde durmir así que se arrimou á muro da Catedral, ao pé da Torre do Reloxo, e adormeceu. E mentres durmía aparecéuselle o espírito do pai quen, vendo que completara a viaxe, lle deu o seu perdón coa condición de que agardase alí a que as ánimas dos outros dous asasinados lle concedesen o seu.

Hai quen di que a sombra, que é real, non é máis que a proxección da luz dun farol contra o muro da catedral pero non debemos esquecer que a Praza da Quintana foi a Quintana dos Mortos, o cemiterio de Compostela ata o s. XVIII.


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: