Alén, Máis Alá
CATEGORÍAS RELACIONADAS
Se un día calquera un viaxeiro
Se un día calquera un viaxeiro conseguise voar montado nun cabalo desde Slagelse (Dinamarca) ata Compostela en Galicia diríamos que o suceso é produto de maxia ou de encantamento.
Slagelse é unha cidade dinamarquesa de arredor de 30.000 habitantes situada na illa de Selandia, a uns cen quilómetros de Copenhague. A finais do s. XII ou principios do XIII había en Slagelse un crego chamado André, cura párroco que tivo o mérito de conseguir do rei Valdemar a anexión ao concello de Slagelse dunha grande extensión de terreo. E foi que o rei, tras as insistentes queixas do crego pois precisaban máis pasto para as ovellas, consentiu en conceder ao concello a anexión do territorio que o crego cercase montado nunha montura vella mentres a súa maxestade tomaba un baño. Aos poucos minutos, o rei, aconsellado pola servidume, tivo que interromper o baño xa que o crego andaba lixeiro demais e xa cercara unha considerable extensión.
Este foi un dos moitos prodixios, non o único, que se lle apoñen. Outra vez, o reverendo padre perdeu un guante e no lugar onde lle caeu abrollou unha fonte que aínda hoxe mana auga. Curou eivados e devolveulle a vista a cegos pero as súas fazañas máis prodixiosas teñen que ver coas súas viaxes aéreas, sempre dacabalo, a Terra Santa, a Santiago de Compostela e a Nidaros, hoxe Trondheim, en Noruega.
A viaxe de ida a Terra Santa fíxoa por mar pero a volta, ao non querer agardar os seus compañeiros a celebración da misa de Pascua de Resurrección pois ameazaba temporal, fíxoa polo aire, montado nun cabalo fogoso, guiado por un xinete misterioso. Na viaxe adormeceu e cando espertou, onde aterrou, a carón de Slagelse, sentiu falar a súa lingua e recoñeceu a súa igrexa e a súa propia casa. No lugar da aterraxe, coñecido como o Outeiro do Repouso, hai unha cruz cunha inscrición que lembra o suceso. Ao día seguinte viaxou polo mesmo medio ata onde se venera o sartego do señor Santiago en Compostela e ao regreso fixo parada no sepulcro de San Olaf en Nidaros.
A pregunta que se fai Vicente Almazán, autor dun artigo publicado en Grial, nº 82 (1983) sobre este asunto, é quen podería ser o xinete que conducía o cabalo que levaba e traía a André dun sitio para outro. A resposta para el como para outros estudosos do tema non ten dúbida; tiña que ser Santiago, prodixioso cabaleiro!
Neste mesmo século XIII, o arcebispo compostelá, Pedro Muñíz, que era de Brión, estando en Roma na Noite de Nadal trasladouse a Santiago polos aires e chegou a tempo para o rezo de matíns.
André, chamado santo André aínda que non estea canonizado, disque morreu en 1205 cando a sede do bispado de Mondoñedo estaba en Ribadeo con Pelaio II de Cebeira, o do báculo de Limoges, como bispo. Apetéceme imaxinar a André, santo viquingo, cruzando aéreo a Mariña (calquera outra ruta sería perda de tempo) aló polos comezos do s. XIII, observando extasiado desde o aire a fermosura dos vales e das serras nosas, se cadra rememorando as maxias de San Gonzalo e as prevencións que os folletos turísticos de por alá xa apuntaban sobre os riscos das recaladas de cruceiros nas nosas costas.
©Antonio Reigosa
BIBLIOGRAFÍA