Alén, Máis Alá
CATEGORÍAS RELACIONADAS
A casa encantada de Riazor
A noticia publicouse no xornal El Noroeste, nº 3967, o 9 de marzo de 1906. Sucedeu no barrio de Riazor, cidade da Coruña.
Nun pequeno cuarto dunha casa baixo cuberta vivía unha parella, mozo e moza que aínda non santificaran na vicaria o matrimonio. Uns días despois do Entroido os mozos discutiron, ata o extremo de que a muller abandonou o mozo pero na despedida obsequiouno cuns desexos do peor. Maldicións moi duras!
Esa noite, o mozo tivo pesadelos. Mentres durmía viu xente que avanzaba cara el polo cuarto. Sombras que se movían, espectros brancos que bailaban unha macabra danza. E tamén escoitou voces, e berros, e lamentos… E espertou! E o mesmo noite tras noite nos seguintes días.
Faltoulle tempo ao mozo para contar o acontecido a veciños e coñecidos. E estes a outros, de maneira que o barrio enteiro foi coñecedor do asunto en pouco tempo. Algúns acompañárano polas noites pero mentres o mozo describía as visións, os convidados non vían nada.
Unha noite fixo garda dentro da casa un amigo, fillo dun mestre de obras. E este si; a media noite escoitou voces na escaleira.
Outra noite foi un mozo coxo, moi valente, veciño do barrio. E tamén a media noite escoitou que alguén dicía desde a escaleira:
—Sube! Sube! —e co medo que pillou escapou a fume de carozo.
E a causa como quedou patente máis adiante non eran as maldicións que lle botara a moza ao seu amado! Non!
Aos poucos días os rapaces amañaron as súas diferenzas e volveron a convivir pero …
Á seguinte noite foi ela a que viu novas visións; unha vella envolta en negro manto, unha bruxa falando en galego (normal, non!) que lle preguntou á moza:
–E ti xa estás aquí?
O asunto, no momento de redactar a información, quedaba sen aclarar. Uns opinaban que o podía resolver a garda civil, outros que mellor con auga bendita …
O xornal opinaba “Oh. Poder do medo! Porque non outra cousa é o que ocorre na que xa se deu en chamar encantada vivenda”.
© Antonio Reigosa
BIBLIOGRAFÍA