Actualizado en data 08/12/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

O santuario milagreiro de Santa Columba das Pías

Nas comarcas das Terras de Melide  e Arzúa contamos con numerosas fontes santas e con importantes santuarios milagreiros como o de Santa María de Rendal (para os males de oído e moas), o de San Martiño de Andabao (para os males da cabeza), o de Santa María da Capela no que se lle reza a San Blas para os males da gorxa ou o de Santa Columba das Pías que serve de remedio para diversos tipos de patoloxías, como neste texto referiremos.

Este santuario fúndase a finais do século XVII, ademais de constituírse dunha confraría dedicada ás Ánimas do Purgatorio, nun lugar illado da parroquia de Codesoso no concello de Sobrado dos Monxes (A Coruña), moi preto da divisoria co concello de Toques. Da importancia milagreira deste santuario xa deron conta Vicente Risco e Amador Rodríguez no “Terra de Melide” do ano 1933, no que falan tanto da romaría que se fai polo Pentecostes como das propiedades curadoras para os males da reuma e das xuntas.

 

Conta cun interesante conxunto artístico e natural. Ó carón dunha carballeira atópase a igrexa-santuario xunto a dous cruceiros, un carballo centenario e unha fonte santa. Todos eles provistos de propiedades “máxicas” de índole milagreira.

Independentemente da fe que un deposite nestes elementos merece a pena unha visita a un lugar cargado cunha atmosfera tan suxestiva.

O día da festa faise unha procesión polo perímetro exterior da igrexa, á que acode a xente para obter unha graza que sande dunha enfermidade, ou tamén para agradecer a intercesión da santa á hora de curar algún mal ó que se encomendaran con anterioridade.

A diferenza doutros santuarios espallados polo territorio galego, este das Pías é famoso por ser lugar no que se concedía o beneficio das indulxencias plenarias, e tamén porque a diferenza doutros santuarios milagreiros “especializados” nunha determinada doenza, o das Pías é un santuario no que acoden fieis para curarse das máis diversas patoloxías médicas. Por exemplo males da cabeza, dos pés, da gorxa, da vista e das afeccións da pel, entre outras.

A Fonte Santa serve para curar espullas e enfermidades da pel, xunto a outras como as dores de extremidades e  das costas, sendo boa para artrite, artrose, reumas e tamén “cabalos” do pescozo.

Tamén é moi destacado o ritual que se fai en torno ó carballo centenario ubicado no flanco sur da igrexa, de porte moi maxestoso polas grandes dimensións que ten (ó redor duns quince metros de altura e considerable grosor). Este carballo presenta unha cruz gravada na súa codia, feita para sacralizalo e que ademais conta cunha pía ós seus pes. A tradición manda encher dita pía con auga da Fonte Santa (que ademais foi bendicida), e dar nove voltas ó redor do carballo e da pía, dándolle un bico ó tronco en cada volta para obter a curación dos males da reuma.

Tamén  a tradición fala dun rito consistente en facer sonar as campás da igrexa, tirando da cadea cos dentes, para obter a curación dos males de dentes e moas. Esta práctica é idéntica a que se practica no Santuario de Nosa Señora de Rendal, en Arzúa. Vemos, por tanto, que as propiedades milagreiras do Santuario das Pías superan a meirande parte dos santuarios galegos debido á súa versatilidade; vale tanto para un roto como para un descosido!

Tamén é habitual a práctica de colocación de cirios, exvotos e flores ós pes do cruceiros como no adro lateral a modo de oratorio situado no lateral sur da igrexa.

Vemos, en base á riqueza patrimonial do conxunto en consonancia co valor paisaxístico, xunto á relevancia ritual deste lugar máxico, como se converte nun lugar de visita obrigada, que non deixa indiferente a ninguén. Resulta moi intensa a esencia dun lugar tan representativo da tradición cultual galega no que se combinan os elementos máis característicos do patrimonio cultural e inmaterial galego. 

[Texto e imaxes remitidos por Xurxo Broz e Cristina Vázquez, de Melide (A Coruña). Febreiro de 2016]

 

 

Fotografías:

1.-Vista da Capela lateral para exvotos e velas, altar exterior, cruceiro igrexa-santuario e carballo

2.-Portada da igrexa-santuario das Pías

3.-Fonte Santa das Pías

4.-Cruceiro do Camiño Real na entrada ó conxunto do Santuario

5.-Carballeira do Santuario

6.-Carballo, pía e cruceiro do Santuario


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: