Actualizado en data 08/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

nº 07 (2011).-VAAMONDE, Pablo: Os ofrecidos

Os ofrecidos © Pablo Vaamonde García (Médico de familia. SAP Labañou (A Coruña) © Revista electrónica de investigación Galicia Encantada (http://www.galiciaencantada.com) / ISSN 1887-2859. nº 7, ano 2011. (Artigo publicado anteriormente en Cadernos de Atención Primaria (Edita: AGAMFEC, Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria, Ano 2010, volumen 17, páx. 76-80. Serie: Medicina Popular en Galicia _________ 1. INTRODUCIÓN Nestes días, tan chuviosos, da Semana Santa, os informativos fan continua referencia ás diversas celebracións que se realizan ao longo da nosa xeografía. En Galicia son especialmente destacadas as localidades de Ferrol e Viveiro, onde se xuntan milleiros de persoas, movidas polo sentimento relixioso ou pola curiosidade turística, para presenciar as procesións que recorren as rúas destas localidades. Non participo en absoluto destas expresións da relixiosidade popular, e non me provocan ningunha emoción estética a recreación teatral da paixón e morte de Cristo na cruz. Mais ben prodúceme unha sensación de rexeitamento, pois estas datas fanme rememorar os dias esquecidos da infancia, cando a voz atroadora dos curas ameazaba coas lapas eternas do inferno aos pobres pecadores. Desde a miña posición de agnóstico, ainda que educado na fé católica, expreso o meu distanciamento destas manifestacións relixiosas, que celebran a morte e resurrección de Xesús e que, co paso dos tempos, se converteron en auténticos espectáculos de masas. Máis hai outras expresións da relixiosidade, ou da apelación ao sobrenatural, das que me sinto máis próximo. Cando o medo (a enfermidade, a dor, a ameaza da morte) asoman na vida das persoas existe, en todas as culturas, o impulso de solicitar apoio externo (apelación ao divino ou sobrenatural), ofrecendo a cambio algún tipo de sacrificio persoal. É o que representa en Galicia a figura do “ofrecido”: aquel que promete á divinidade apelada unha acción propia, anónima e secreta, que implica unha dádiva persoal valiosa ou dolorosa, a cambio da axuda sobrenatural para mellorar a vida ou a saúde (persoal ou do contorno afectivo). As conductas da comunidade baséanse sempre nun “imaxinario colectivo”, que ven sendo aquel conxunto de imaxes, valores, prácticas e razonamentos que temos profundamente interiorizadas e que nos sirven para ver, ordenar e entender o que pasa darredor e para darlle sentido á propia vida. Estas representacións interiores son tan poderosas que regulan en gran medida a nosa existencia. As peregrinacións a Lourdes ou a Fátima están baseadas neste mesmo fenómeno: a desesperanza e o medo a un futuro incerto fan que as persoas, mesmo sen ser crentes, busquen o auxilio divino para afrontar as dificultades da vida que custa sortear en solitario. En Galicia, ademais de Santiago de Compostela, existen un grande número de santuarios, ampliamente reseñados polo mestre don Antonio Fraguas (Romarías e Santuarios. Galaxia), aos que a xente acude na busca de protección ante as dificultades da vida, e particularmente para solicitar axuda fronte aos problemas de saúde. Máis a apelación ao sobrenatural para conseguir axuda en asuntos de saúde ven de épocas precristianas. Como deixou escrito Antonio Fraguas “os santuarios e as romerías que se celebran en Galicia son exemplo e manifestación dunha fe antiga, con frecuencia entrecruzada con vellos elementos paganos, froito quizais da cristianización de lugares de culto anteriores. Pero, ademáis do seu significado relixioso, estas celebracións teñen tamén unha significación pagana”. Os galegos da miña xeneración coñecemos estas experiencias, que forman parte das moi diversas manifestacións da medicina popular e da arte sanatoria, en primeira persoa. Todos fomos atendidos de nenos por algunha compoñedora despois dunha escordadura. Todos sabemos dalgún familiar que buscou axuda profesional dunha meiga nalgun momento da súa vida. Eu recordo vivamente acompañar de neno a miña nai, despois de levantarnos moi cedo na madrugada, para camiñar os vinte quilómetros que separan a miña casa natal de Santiago, para cumplir unha “promesa” que nunca me foi desvelada. Tamén me lembro de miña avoa, xa velliña, dando voltas, de xeonllos, darredor da igrexa da Escravitude. Cando lle preguntei o motivo só me dixo que estaba ofrecida, pero non souben nada máis. 2. AS DIMENSIÓNS DO ENFERMAR “A doenza non pertence ao mundo da natureza senon ao da cultura”. Así de categórico se expresa Marcial Gondar nun excelente ensaio (A doenza como forma de cultura, en Espiritados. Ed. Laiovento) no que reflexiona sobre a enfermidade concebida como construccións sociohistórica e non como un problema meramente biolóxico. As persoas enferman, e expresan a súa doenza, en función do sistema de valores e dos saberes existentes en cada momento histórico, e os signos e síntomas que presenta o enfermo veñen condicionados pola súa particular “concepción do mundo”. A persoa enferma non é só unha máquina que precisa ser arranxada. A doenza debe ser entendida como un suceso bio-psico-social. Dacordo con Marcial Gondar o feito do enfermar pode ser contemplado sempre desde tres dimensións diferentes: semántica, social e psicolóxica. -A dimensión semántica: as palabras “enfermidade” e “enfermo” son polisémicas, teñen diferentes significados en función da cultura e do tempo histórico. A cultura éncheas de significados que van moito mais alá do estrictamente médico. Asegura Gondar que vimos dun tempo histórico dominado pola relixión, no que se identifica a experiencia de enfermar co pecado. A sociedade laica de hoxe non deixa de utilizar a estratexia da culpa: o culto á saúde e o discurso dos estilos de vida como xeneradores de saúde segue a fomentar o sentido de responsabilidade cando se perde a mesma. Este acentúase no caso da muller: séntese responsable non só da súa propia saúde, senon de todo o grupo familiar. Por eso, cando algun dos seus membros ten problemas de saúde, a muller asume sempre o papel de coidadora principal. E cando compre solicitar axuda sobrenatural será ela a que ofreza algún sacrifício: por eso, nos santuarios de Galicia hai sempre máis presenza feminina. -A dimensión social: sabido é que somos seres sociais, que vivimos en sociedade, e que todo feito humano ten unha proxección social, do mesmo xeito que o contorno social concreto configura o noso comportamento individual. A enfermidade ten unha indiscutible dimensión social. A persoa enferma interactúa co grupo familiar e co seu contorno de relacións, provocando cambios nas actitudes e comportamentos do grupo en función da propia doenza. Todo o sistema familiar modifica a súa rede relacional para adaptarse á presenza da enfermidade. -A dimensión psicolóxica: en última instancia a doenza é un suceso individual que afecta a unha persoa que ten que enfrentarse á dor, á incerteza e á ansiedade provocada pola irrupción da enfermidade. Nun primeiro intre, nos mundos de hoxe, a persoa enferma adoita buscar axuda na medicina oficial e deposita a súa confianza nos coñecementos científico-técnicos do médico. Mais, cando as cousas se torcen, cando os sofisticados medios diagnósticos e as terapias aplicadas non dan os resultados desexados, cando a doenza se prolonga xurde a angustia e o medo. Nese intre, o doente e o seu contorno (independente da idade, da estracción social e do nível cultural) poden buscar axuda fora dos canles da medicina moderna. A medicina actual descansa a súa capacidade terapéutica basicamente na potencia tecnolóxica. Hai unha crecente deshumanización da práctica sanitaria que non aborda debidamente as perturbacións afectivas que a doenza provoca nin da resposta axeitada ás preguntas fundamentais, pólo que non permite un manexo adecuado da angustia xenerada. O curador tradicional presta máis atención á totalidade. Esto fai concluir a Marcial Gondar o seguinte: “Compre desbotar a idea de que as prácticas tradicionais son algo en recesión e os seus usuarios resíduos escleróticos dun mundo practicamente desaparecido; a medicina popular resposta ás necesidades que o mundo culto é incapaz de satisfacer e testemuña a presenza do simbólico, ancorado no fondo do ser humano a pesares de séculos de racionalidade instrumental”. 3. OS RITUAIS A vida humana é un camiño cheo de riscos. As persoas, en todas as culturas, precisan da realización de ceremonias rituais, por entender que melloran e protexen a súa vida persoal e colectiva. Arnold M Rose sinala que os rituais distínguense pólos seguintes elementos: -Poseen unha regularidade e periodicidade, ao estar ligados a unha celebración festiva. -Teñen sentido para un elevado número de persoas. -Adoitan presentarse a modo de representación dramática -Potencian o sentido colectivo mediante a realización de experiencias participativas. No que se refire á saúde, as persoas, ás veces, enferman de males que non responden aos métodos diagnósticos e terapéuticos da medicina oficial. É o que García-Sabell denominaba “enfermidades non son de médicos”. Na interpretación popular hai, polo tanto, doenzas que responden aos medicamentos e remedios (cando acausa da doenza é material e tanxible) mentras que noutros casos son os espíritus os que, meténdose no corpo ou na alma dos humanos, poden provocar doenzas contra das cales nada poden facer os remedios físicos. Nestes casos compre recurrir á axuda do sobrenatural e ao apoio da vivenza relixiosa. En Galicia hai moitos santuarios que seguen a ter gran número de devotos que acuden en busca de axuda. A consecución da axuda require da realización de diversos rituais, diferentes segun o santuario. O experto Blanco Prado ten escrito sobre os mesmos: “En xeral os devotos ofrécense por sí mesmos ou para conseguir algunha intercesión para outras persoas que non poden acudir ao santuario normalmente por causa dalgunha enfermidade: Entre as peticións máis específicas que se realizan nestes santuarios, distínguense as seguintes: enfermidades humanas, enfermidades de animais, protección da facenda familiar, encomenda polos recén nacidos e polos que van nacer, problemas de índole familiar, etc.” A unidade básica de relación entre o devoto e a imaxe sagrada para solicitar axuda fronte a estes problemas é a promesa. “O intercambio de donativos entre unha persoa e o ser sagrado é algo universal e fortemente vinculante” (Mariño Ferro). Nos santuarios pódense distinguir dous modelos de relación entre os devotos e as imaxes de devoción: -A promesa xeralmente é condicional. O devoto cumple a promesa unha vez que lle é concedido o favor do santo. Trátase dun cumplimento “a posteriori”. Este tipo de promesa recibe os nomes de “ofrenda condicionada” e “petición condicional”. -Outros devotos acuden a suplicar a mediación das imaxes de devoción diante dun problema determinado, realizando uma serie de rituais e ofrendas antes de que lles sexa concedida a petición. Este tipo de ofrenda recibe os nomes de “ofrenda propiciatoria” e “devoción peticionaria”. Os ritos que se celebran nos diferentes santuarios, tendo as súas particularidades cada un deles, pódense catalogar en: -Ritos de participación conxunta: a celebración das misas e as procesións. Trátase das manifestacións máis multitudinarias e que teñen unha grande significación simbólica para os asistentes. -Ritos de participación individual: Ainda agora hai moita xente que acude ata o santuario andando desde o seu lugar de orixe e outros dan voltas, de xeonllos, darredor do mesmo. En moitos santuarios hai romeiros que fan “procesións particulares” darredor, portando “ex-votos” de cera. Os “ex-votos” simbolizan aquelas partes do corpo da persoa (ou do animal) polas que se fai a ofrenda, perseguindo un efecto benéfico. Tamén hai rituais “de contacto”. Consisten en tocar o manto do santo ou da Virxe coa man ou con algún obxecto (ex-votos, panos da man, coitelos...) co fin de conseguir a sanación. Juan José Cebrián tamén recorda que case todos os santuarios teñen á súa beira unha “fonte santa”. A atribución de propiedades curativas ás augas non é algo novo xa que está presente en todas as culturas arcaicas e mesmo o cristianismo recolleuno como elemento fundamental do sacramento do bautismo. 4. OS SANTUARIOS Dacordo coa descrición de Blanco Prado un santuario é “un sitio de culto representado por unha ermida, capela ou igrexa parroquial ao que veñen devotos non só da comunidade parroquial na que se sitúa o recinto sagrado senón tamén doutros lugares, para pregar á divinidade a concesión dunha serie de rogativas de base material- recobrar a saúde, boas colleitas...- e algunhas de base espiritual. Logo de que a divinidade lles outorgou as rogativas requiridas acoden para levarlle a cabo as promesas ofrecidas”. Antonio Fraguas publicou un libro (Romarías e Santuarios. Galaxia) no que referencia 71 santuarios en Galicia, dos cales 19 figuran na provincia de A Coruña. Hai moitos máis pero neste breve texto non vou referirme a todos eles senón a media ducia de santuarios que pertencen á miña xeografía persoal e familiar e que teño visitado, por razóns diversas, en numerosas ocasións. 1. Nosa Señora de Vilamaior (Santa Comba) Este santuario, enclavado nas terras do Xallas, reune o 15 de agosto a romeiros de todas partes de Galicia, da península e mesmo de Europa (nestas terras hai numerosos emigrantes que aproveitan as vacacións do verán para visitar Vilamaior). Calcúlase que arredor de 30.000 persoas veñen ano tras ano realizar os mesmos ritos na busca da curación dos seus males, ou para expresar a súa gratitude á Virxe pola sanación acadada. Ainda hai, nestes días, moita xente que chega a Vilamaior andando desde Malpica, Carballo ou Coristanco, recorrendo máis de 30 kilómetros a pé polas estradas e camiños do monte. Á beira da igrexa existe unha fonte considerada milagreira e moi benéfica especialmente para os problemas cutáneos. A xente molla panos da man e prendas persoais na súa auga, frota a parte enferma con elas e despois deixaas a secar na beira da fonte colgadas dos ramallos. Confían en que cando os panos secan ao sol tamén curan as lesións cutáneas. Todo é cuestión de poñerlle fé dabondo. Coñezo moitas persoas que aseguran ter conseguido a curación dos seus males por este método. Despois da misa sacan á Virxe en procesión arredor do templo. Fun testigo moitas veces do fervor dos asistentes e da sua xenerosidade: ao paso da procesión os romeiros van colgando billetes do manto da Virxe ata que está totalmente cuberto polo peso do diñeiro. É un xeito de agradecer os favores concedidos. 2. Nosa Señora da Barca (Muxía) A pé do mar, a poucos metros das augas bravas da Costa da Morte, está o santuario de Nosa Señora da Virxe da Barca. Sitúase na bocana da ría de Camariñas, en frente do Cabo Vilano. Éste é un dos santuarios marianos máis importantes de Galicia, polo seu número de devotos e pola antigüidade, xa que as súas orixes pérdense no tempo. Conta a lenda que a Virxe chegou aquí nun barco de pedra para animar ao apóstolo Santiago para que continuase co seu labor de divulgación da doctrina de Cristo. As pedras dispersas polo lugar serían os restos da embarcación. Probablemente o culto relixioso que hoxe se celebra procede de ritos paganos máis antiguos relacionados co culto megalítico. Neste lugar celébrase unha das maiores romerías de Galicia o segundo domingo de setembro. Despois da misa grande levan á Virxe en procesión ata o porto de Muxía para bendecir as augas. Reúnese unha grande multitude que acuden ao santuario, a mover a Pedra de Abalar e a pasar por debaixo da Pedra dos Cadrís. A primeira ten virtudes xeracionais (Fraguas), por iso pasan nela certas noites os matrimonios que desexan ter familia (a pedra sería o leito durante unhas horas da noite). Abalar a pedra é un rito case obrigado, pero non sempre se consigue: Veño da Virxe da Barca, veño de abalar a pedra; abalei a máis pequena, a grande non quixo ela. Os que pasan por debaixo da Pedra dos Cadrís (lugar angosto) quedan protexidos fronte ao lumbago por moito tempo. 3. Santa Minia de Brión En palabras de Antonio Fraguas, este santuario, a santa e a romaría teñen moi pouco tempo na nosa terra. Está emprazado na freguesía de San Fins de Brión, no norte da comarca da Mahía, a pouco menos de quince kilómetros de Santiago. Cada ano recibe, o 26 e 27 de setembro, milleiros de devotos que acoden a solicitar os favores da santa. A devoción iniciouse a mediados do século XIX, a partir do interese de Luis Tobío, quen importou as reliquias cunha curiosa historia. Santa Minia foi unha mártir dos tempos do imperio romano. Segundo a Historia, morreu virxe no 362 despois de Cristo en Roma, e foi enterrada nas catacumbas onda moitos dos seus correlixionarios cristiáns. Como se pode imaxinar, a súa relación con Galicia en vida non foi moita. Foi en 1804 cando os restos de Minia sairían do seu descanso secular para iniciar unha accidentada viaxe que acabaría con ela en Brión. Despois de numerosas peripecias, Luis Tobío chega á súa terra natal coas reliquias o primeiro de agosto do 1848. Inmediatamente iniciou unha grande campaña para organizar na comarca o culto ás súas reliquias. Cartas ao arcebispado solicitando a entronización dos restos na igrexa parroquial, comprobación da autenticidade das reliquias, campañas de colleita de esmolas para construír un novo templo dedicado á mártir... Unha auténtica campaña de mercadotecnia e promoción que daría na constitución dun culto que sobrevive ata hoxe. Non tardaron naqueles anos en aparecer historias que daban fe da capacidade milagreira da santa. Segundo recolle Julio Fernández Pintos nun artigo do seu web, axiña comezaron a circular historias de curacións e intervencións milagreiras da santa. Segundo explica Rafael Barca "a xente continúa participando na romaría. Non é coma outros santos e santas, que son avogados dos ouvidos ou de algo concreto", puntualiza Barca. "Os favores que pide a xente obtenos. Cando vexo a xente de xeonllos arredor da capela penso que algo tivo que facer a santa". Entre outras mostras de adoración apunta que "hai unha lámpada de cristal na capela que deixou a nai dunha nena que recuperou a fala, e moitos exvotos de pernas e de brazos. En xeral é unha avogada á que se pide axuda para moitas cuestións". Luís Tobío Campos, descendente do Tobío que trouxo a santa para a Mahía adicoulle estes versos: Na parroquia de Brión, que está no val da Mahía, hai unha santa famosa que lle chaman Santa Minia. Meus pais acoden cada ano, desde hai moito tempo, a esta romaría. Non sei moi ben se están ofrecidos, pero penso que manteñen a tradición polo desexo de escoitar as bandas de música e comer o polbo á sombra dos carballos no campo da festa. 4. A Virxe da Escravitude Tal como o describe Antonio Fraguas “a Escravitude pode estimarse como o lugar onde vai esmorecendo a terra da Amahía, na veiga final de Iria a Padrón, onde son constantes e non fallan en ningunha estación do ano as paisaxes de gran beleza nos recantos das canles ventureiras, cubertas polas delicadas pólas dos salgueiros”. Segundo se pode ler na Galipedia a tradición recolle dous feitos que determinaron a construción deste templo. O primeiro deles produciuse no 1582, cando Juan Pérez Mondragón, reitor da parroquia de Cruces, estivo a piques de morrer esmagado por unha árbore. Logo de librarse, en sinal de agradecemento á Virxe María, mandou esculpir unha imaxe da Virxe co neno, que foi situada sobre unha fonte que había no lugar, coñecida desde entón coma a Fonte Santa. O segundo dos feitos tivo lugar no 1732, cando un home que vivía nas terras do Salnés e que padecía hidropesía dirixíase, xunto coa súa muller e a súa filla, cara o Hospital de Santiago de Compostela. Ao seu paso pola fonte santa, bebeu a súa auga e pediulle axuda á Virxe, e ao cabo de tres días curouse da súa enfermidade. A lenda di que daquela exclamou o seu agradecemento á Virxe por curalo "da escravitude" do seu mal (“Bendita sexas, virxe santísima, que me libraches da escravitude da enfermidade que eu tiña”), de onde derivaría o nome do santuario. En sinal de gratitude, doou o carro e os bois. Ao espallarse a nova, a fonte comezou a atraer devotos en busca de curación, o que trouxo consigo tamén un aumento das doazóns. Milleiros de romeiros acoden á Escravitude cada oito de setembro para demandar axuda. Cada ano conmemórase o milagre do auga que sana e que deu orixe a este santuario. Moitas persoas, mesmo homes, fan certos percorridos de xeonllos, e son moitos os que deixan esmolas importantes. Tamén van moitos estudiantes e opositores para solicitar a intercesión da Virxe. O santuario da Escravitude é un aparente edificio do século XVIII, rematado no XIX. Combina os estilos barroco e neoclásico e o seu interior é tan grandioso como as fachadas. Sobre a fonte santa, ao pé da estrada, destaca a solemne escalinata. 5. San Antonio de Agualada (Coristanco) Neste caso San Antonio non protexe a saúde dos humanos senón a dos animais. Ben coñecida é a importancia que tiveron e aínda teñen as vacas no mundo rural galego. Por esa razón, cando unha vaca tiña algún problema de saúde, era frecuente ofrecela ao santo para que a protexese. Esa tradición aínda persiste, aínda que con menos intensidade que no pasado recente. En varios santuarios galegos, alomenos un na provincia de A Coruña (San Antonio de Agualada), e dous na de Lugo, consérvase o costume de bendicir os animais na igrexa o día da festa ou mesmo o día da feira antes de acudir a ela. A bendición dos animais considérase sumamente protectora. En Agualada os animais viñan desde as terras de Bergantiños, Xallas ou Soneira, ás veces recorrendo moitos kilómetros durante a noite, para chegar á hora da misa, asistir a ela desde o atrio da igrexa e despois participar na procesión darredor do templo. A asistencia das vacas aos actos litúrxicos vai decrecendo co paso do tempo, pero a romaría que se celebra tódolos anos o día de san Xoán segue a xuntar moita xente da comarca. Ademais da protección dos animais os asistentes tamén lle solicitan ao santo axuda nos exames, no emprego e nos casamentos. Cita Juan José Cebrián outro tipo de demandas: “Nótase a abundancia de aspirantes a condutores de vehículos ou motos que solicitan o favor do santo nas probas cada día máis difíciles de superar. Tamén invocan a san Antonio pedindo auxilio para afrontar os problemas cada día máis frecuentes entre os compoñentes do matrimonio”. Celébranse varias misas ao longo da mañán, e ás dúas da tarde sae o “santiño milagreiro” en procesión, acompañado polos estalos das bombas de palenque, os cantos relixiosos (“Cantemos ao amor dos amores”) e o fervor dos parroquianos que se empuxan para tocar a imaxe. Rematada a procesión xúntanse os asistentes na praza para dar comezo á sesión vermú. 6. San Andrés de Teixido (Cedeira) “A san Andrés de Teixido vai de morto quen non foi de vivo”. ¿Quen non coñece esta dito popular? Aínda hoxe este santuario, agochado entre os fortes acantilados da serra da Capelada, segue a ser un dos máis importantes da Península. Os expertos din que a peregrinación a Teixido empezou a partir da Idade de Ferro, durante a cultura castrexa. O cristianismo adoptou esta práctica e encheuna de un gran contido ritual. Blanco Prado relata que, con respecto ao santo, hai varias lendas. Unha delas fai referencia a que “en certa ocasión, camiñando o Señor polo mundo, xunto a san Pedro, ao chegaren ao lugar onde se alza o santuario pediu axuda a Deus pois tiña moita sede e non atopaba auga. Do ceu foi enviada unha mazá. Ao partila en dous anacos atopou no seu interior a san Andrés, que se queixaba de que, sendo patrón daqueles lugares, ningúen o ía visitar. Xesús, compadecido, prometeulle unha romaría que só deixaría de existir cando o mundo rematase, pois ninguén se libraría de ir ou ben de vivo ou de morto”. Esta crenza popular vai ligada a outra, que se estendeu por Galicia, como é “a transmigración das almas”. Polo tanto, os romeiros, que fan a peregrinación a San Andrés de Teixido, teñen moito coidado cos animais, que se atopan no camiño, debido a que hai a crenza de que son as almas daquelas persoas que non fixeron a peregrinación de vivos. As peregrinacións levanse a cabo, fundamentalmente, durante o verán e, dun modo particular, na segunda quincena de agosto e primeiros de setembro. Na actualidade, este santuario recibe todos os anos a miles de devotos de toda Galicia e rexións próximas, que se encomendan ao San Andrés por diversos motivos: saúde, facenda familiar, salvación de naufraxios, asuntos amorosos etc. Con respecto a este último motivo, compre resaltar que tanto os mozos como as mozas en idade de casar, ademais de acadar a “herba de namorar” -clavel marino, que medra entre as penas a carón do mar- ofrécense ao santo e cántanlle coplas coma éstas: “Meu diviño San Andrés non che veño pedir pan, veño pedirche unha moza que faga temblar o chan. Meu diviño San Andrés que estás na alta montaña, este ano vin solteira pro que ven, virei casada”. Tamén refire Blanco Prado que ao rematar a misa solemne, sae a procesión o redor do santuario, participando activamente un gran continxente de devotos, algúns deles de xeonllos por baixo das andas do santo. Finalmente outra práctica ceremonial deste santuario é “o ritual da fonte”, da que os romeiros non só beben a súa auga, senón que adoitan levala para as súas casas nunha ou máis botellas. Polo que respecta ás ofrendas, que se depositan na igrexa, podemos citar: esmola en metálico, candeas -ás veces da mesma altura que a do ofrendante-, e, tamén, exvotos de cera, que representan as diferentes partes do corpo humano polas que os devotos se ofrecen. Denantes de emprender o regreso, os romeiros adoitan obter diversos recordos da romaría, como medallas, estampas, a herba de namorar, así como sanandreses ou reliquias, que son figuras pequenas modeladas en masa de trigo non fermentada, e endurecidas ao forno e coloreadas. FINAL Rematamos aquí este breve percorrido por algúns dos santuarios que seguen a recibir ano tras ano miles de visitantes. Moitos van movidos polo interese turístico, xa que a grande maioría deles están enclavados en paraxes de singular beleza. Outros só buscan a festa ou comer o polbo á sombra dos carballos. Pero aínda queda moita xente que deposita a súa máis íntima confianza na forza do sobrenatural para axudarlle a superar as dificultades e os momentos críticos que sempre aparecen nalgún momento no decorrer da propia vida. Estes que aquí aparecen reseñados forman parte da miña biografía. Sitúanse case todos perto do territorio da miña infancia e acudín a todos eles, nalgúns casos en numerosas ocasións. Sempre saquei algún proveito da visita.


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: