Actualizado en data 08/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Alén, Máis Alá

CATEGORÍAS RELACIONADAS

A zanfona enterrada en Cabreiros

OS IRMÁNS Manuel e Federico Cabaleiro andan agora polos oitenta anos, naceron en Cabreiros, no concello de Xermade, e lembran orgullosos e moi fresca a seguinte historia que lles contaba a súa avoa.
Unha vez pasou por Cabreiros un cego que andaba pedindo esmola polas portas coa súa zanfona e na compaña do seu can. Polo que fose o cego morreu e os veciños, para non ter que dar explicacións nin meterse en líos coa xustiza, acordaron enterralo caladiñamente nunha ínsua que se forma entre dúas canles do río de Cabreiros, tamén chamadoTrimaz.
Do can non saben que foi pero a zanfona acabou soterrada cabo do corpo do cego. O prodixio, a poesía, veu despois. Federico e Manuel din que súa avoa aseguraba que cando o vento abana as árbores daquela illa inzada de carballos, salgueiros, bidos… hai quen di escoitar melodías saídas da zanfona, interpretadas polas mans da ánima do cego.

NO CASTELO DE SOBROSO, situado na parroquia de Vilasobroso, no concello de Mondariz (Pontevedra) cóntase unha historia con certa semellanza. Cando o castelo foi conquistado polos árabes só un vello cego ousou amolarlle o recibimento ao mesmísimo Almanzor coa única arma que tiña: a súa zanfona. Claro que a súa ousadía custoulle moi cara; os soldados cortáronlle as mans e decapitárono, e despois tiraron no foxo do castelo os seus restos.
Aquela noite, cando os soldados árabes con Almanzor ao fronte celebraban a victoria cunha cea, unha música interrompeu a festa. Os soldados, sentíndose burlados, volveron á busca do ousado que os provocaba.
Despois de moitas voltas conseguiron dar co lugar de onde procedía a música. No máis profundo do foxo, xunto ó corpo do vello cego, as súas mans amputadas facían soar a zanfona, e da boca da cabeza separada do corpo nacía un romance triste, moi triste.
Dise por aquela comarca que cando se presaxia unha desgracia para o país escoitan soar aquela música que tanto importunou ós exércitos de Almanzor.

JULIA UCEDA no seu libro “Del camino de humo” escribe estes versos: El anciano de las barbas bellísimas / tiene un violín enterrado en la colina de Tara / un escudo, una lanza y un hueso enemigo / Sólo se oye una música.

© Antonio Reigosa, artigo publicado en El Progreso, 28-02-10.

_____
[Ilustración de Noemí López]


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: