Actualizado en data 08/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Alén, Máis Alá

CATEGORÍAS RELACIONADAS

Visións nunha casa da Espiñeira

Na Espiñeira, parroquia de Vilaronte, concello de Foz (Lugo), viron unhas luces enriba do lousado dunha casa durante unha semana e sempre á mesma hora.
Ao cumprirse o oitavo día, cando a filla maior entraba para dentro da casa viu un paxariño que voaba cara ela desde o lousado da casa. Para collelo puxo as mans en conca, e colleuno, mais ao abrilas para ver como era só viu que lle quedaban unhas plumas entre os dedos.
Aquela tarde a familia recibiu a mala nova de que o pai daquela moza morrera en Santander de la Barquera (sic) e días despois foi soterrado en Torrelavega.
A partir daquel día xa non se viron máis aquelas luces nin o paxariño, pero outra visión comezou a importunalos: unha man humana petaba coas xemas todos os días no cristal dunha das ventás do cuarto. Disque só se vía desde o interior, que mirando desde fóra non se podía ver.
E así seguiu por moito tempo ata un día en que a nena máis nova da familia enfermou de gripe. Unha noite que estaba soa no cuarto sentiu abrir a porta, e viu entrar ao seu pai que sentou á beira da cama e púxose a falar con ela arredor duna hora coma se estívese vivo.
Ao día seguinte, a nena contoulle á nai todo que vira e falara co seu pai, mais a nai, como é de supoñer, non lle cría nada. A nena insistiu e insistiu, e tanto porfiou que a nai acabou por crela.
Das despois foi ao santuario de Santo André de Teixido, fixo unhas ofrendas, oíu unha misa pola alma do seu defunto esposo, e de alí en adiante xa nunca máis se viron nin sentiron cousas extrañas naquela casa.

BIBLIOGRAFÍA


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

COMENTARIOS ENVIADOS

Perdoe a corrección, pero supoño que se trabucou coas presas, o pobo chámase "San Vicente de la Barquera".

Enviado por O Peto Lareto o 27/02/2010 ás 21:55:35


Enviar comentario a este artigo: