Actualizado en data 02/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Festas e mitoloxía relixiosa

CATEGORÍAS RELACIONADAS

Lenda de lobos do cruceiro da Gándara

"No lugar de Cerqueiras da parroquia de Santa Cristina de Vea, concello da Estrada (Pontevedra), e de fronte da capela da Gándara, dedicada á Virxe de Aránzazu, tópase un cruceiro barroco de boa arte popular. Ten no varal de sección poligonal a figura dun frade francisco con palma na man dereita que ben puidera ser Santo Antón aínda que sen neno; na cruz presenta a Cristo encravado, por unha banda, e pola outra a Virxe triunfante, cos brazos abertos como no pasamento da Ascensión, con anxos todo ó redor.
No basamento ten este epígrafe:
JUAN DE PORTO Y CATALINA DE RIBEIRA SU MUGER PAGARON ETA OBRA AÑO 1742
Nunha das faces do varal estoutro bastante comesto polo tempo:
ANTE ES/ TE CRUCE/ RO... VN/ ...SALVE/ ... APEDIMIº/ DE QUIEN/ LO MANDÓ/ HACER AÑO/ DE 1747
Os veciños do lugar Francisco Barcala Sinde e Xosé Barcala, duns corenta e cinco anos, contáronnos a lenda do erguemento do cruceiro manifestando que, cando o lugar da Cerqueira era todo unha carballeda, había moitos lobos nel e certo día levaron as feras unha meniña, filla dos Xan de Porto e Catalina de Ribeira que figuran na inscrición do cruceiro. Buscaron os pais a nena inzados de dor sen topala por ningures. Acudiron entón á Virxe que na capela recibe homenaxe e pregaron acesamente. Cando volveron a buscar deron coa nena viva e sa acariñando un lobo morto que á beira tiña. Os pais agradecidos fixeron erguer o cruceiro que alí está".

BIBLIOGRAFÍA


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: