Actualizado en data 08/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Festas e mitoloxía relixiosa

CATEGORÍAS RELACIONADAS

Micromitos 114: A vela da agonía

Contóunolo Angelita, a muller que desde os nove anos estivo vencellada ao Pazo de Tor, Monforte, primeiro como serventa da propietaria, Mª Paz Taboada de Andrés e Zúñiga, e despois como guía do museo que hai alí desde 2006.

A señora Mª Paz contáralle que vira a Compaña cando tiña doce anos. Sucedera ao anoitecer estando con Avelina, unha criada, recollendo a roupa no tendal. Seica viron unhas luces que ían de dúas en dúas polo prado abaixo, que entraban pola ventá e desaparecían dentro da casa de Pedeneira. Avelina axeonllouse para rezar e díxolle que a imitase. Ao día seguinte souberon da morte dun home naquela casa.

Cando dona Paz enfermou, o crego dixo que os que viran a Compaña tamén ían ver no transo da agonía persoas finadas, así que lle pediu a Angelita que se a señora dicía que vía mortos, que o chamase. Mais a señora quedou sen fala. Unha noite non quixo cear e Angelita púxolle na mesa de noite unha vela das que arden sen parar ata que o moribundo expira

Foi até a cociña e ao regresar xa estaba a vela apagada. Eran as doce e media da noite do 19 de xaneiro de 1998.


SerieMicromitos

Publicación: Nós Diario, 9 de febreiro de 2021.


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: