Actualizado en data 22/04/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Micromitos 042: Xan de Candia

En Candia, Abadín, hai un profundo e escuro pozo no río no que vive unha gran serpe. Unha vez caeu alí unha vaca e, agás as tripas, que aboiaron, non se volveu saber dela.

Un antigo bispo de Mondoñedo andaba na compaña do seu séquito cobrando a renda e en canto lle abrían a porta dunha casa, tiraba o anel dentro e dicía: Confiscado canto ten!

O escribinte que o acompañaba tomaba nota das propiedades para engordar as posesións do bispado.

Así andaron todos aqueles lugares ata que chegaron a Candia onde vivía este Xan —tamén coñecido como Xan do Cristo ou Xacinto de Candia— que lles saíu ao camiño cunha fouce e, sen máis, dun corte fero, segoulle case todo o pescozo ao bispo.

A seguir, Xan, temeroso da xustiza, correu cara o pozo do río, chimpouse nel e desapareceu. Nin a roupa apareceu.

O bispo moribundo seica fixo testamento de urxencia e deixoulle todo o que levaban comisado a un seu criado, un tal Luaces de Labrada.

Para medir a profundidade do pozo tiraron metros de adival cunha pedra de contrapeso pero non houbo maneira de tocar fondo.

Serie: Micromitos Publicación: Nós Diario, 28 de outubro de 2020.


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: