Festas e mitoloxía relixiosa
CATEGORÍAS RELACIONADAS
Lendas da Ilha da Ínsua
Algún día deberiamos inventariar as lendas do noso gran río, o Miño, desde o nacente á foz, entre A Guarda e Caminha, mais, polo de agora, conformámonos con visitar o punto final, a Ilha da Ínsua, a atalaia portuguesa que desde o océano saúda as augas nacidas no Pedregal de Irimia ou en Fonmiñá.
A Ínsua, ao parecer, comunícase coa praia de Moledo por un túnel que a día de hoxe ninguén sabe onde ten a entrada nin á saída. Alí houbo un mosteiro e logo construíse un forte que aínda resiste erguido en lembranza das pelexas doutros tempos. Uns frades construíron un mosteiro no s. XIV a pesar de non haber auga doce no rochedo pero, iso si, tiñan fe en atopala e conseguírono. Estando o abade prior nos seus rezos adormeceu e nos soños aparecéuselle a Virxe en figura de moza fermosa que lle indicou o lugar exacto onde debían escavar para dar co manancial. Obedeceron os frades a orde soñada e atoparon o que hoxe chaman Fonte Milagrosa, auga prodixiosa e curadora.
Cando vivían no mosteiro uns franciscanos galegos, unha pescador ofreceralle á Nossa Senhora da Ínsua regalarlle a lamprea número trece, a seguinte tras completar a ducia, pero non o fixo nin sequera a primeira vez así que durante os trece días seguintes, mentres os outros mariñeiros pescaban cantas querían, este non colleu ningunha outra chupona.
O 13 de outubro de 1602 uns corsarios ingleses asaltaron a illa. Os frades, con frei Xerónimo á cabeza, agacharon todo canto puideron: o cáliz, a imaxe de Nossa Senhora e eles mesmos tras dunha rocha, de tal modo que os ingleses non conseguiron descubrilos pois volvéronse invisibles aos ollos dos protestantes. Cando marcharon, todo se volveu como antes.
En días de temporal, outro milagre, dentro do convento non se escoitaba o bruar do mar. E contan que as pedras lanzadas polos ciclóns non ferían a ninguén pois os croios mantíñanse no aire ata que os frades se desviaban da súa traxectoria asasina. E aínda poderíamos seguir contando marabillas desta illa como cando apareceu no mar, en arca repuxada, un Cristo polícromo canda outros obxectos sagrados que disputaron mariñeiros galegos e portugueses. O botín caeu do lado lusitano e hoxe aquel Cristo é santo patrón de mareantes.
Tamén se asegura que na Ilha da Ínsua non hai ratos nin animais pezoñentos. E se algún destes bichos chega nalgunha arroiada, axiña se esvaece. Tampouco hai sargos no mar que a arrodea, seica por culpa da maldición dun comandante galego, aínda que isto sería discutible pois é xustamente aquí onde remata a famosa carreira entre o sargo e a toniña que percorren toda a costa galega e que gaña o peixe máis cativo.
Cando a toniña chega o sargo sempre está! A lección deste conto é que a toniña vai e vén, anda de aquí para acolá por toda a costa galega e por outras moitas costas dos mares do mundo. En cambio, o sargo non vai nin vén senón que está, sempre está, pois en todas as rochas hai sargos, milleiros de sargos que ao escoitaren ‘toniña vai’ sempre responden ‘sargo está!’
Deixamos a Ilha da Ínsua coa súa historia fantástica e regresamos río arriba ata onde comezamos esta aventura.
© Antonio Reigosa
El Progreso, 18 de xaneiro de 2021
BIBLIOGRAFÍA