Festas e mitoloxía relixiosa
CATEGORÍAS RELACIONADAS
Vai haber un morto! (Trabada, Lugo)
Teño oído que nunha casa de Mozandeo rompera un cinseiro sen que lle tocara ninguén. Estaba pousado encima da mesa e rompeu. E morreu alguén da casa. Era o sinal, o aviso.
Tamén recordo que igual estabamos de noite mirando, viamos correr unha estrela e caía; e dicíamos:
—Aí vai haber un morto!
Ulir a cera era síntoma de morte. E que anden as pegas por riba da casa tamén.
Cando morreu a miña avoa, a nai de meu pai, aquí na casa, veu un corvo e non paraba de peteirar na ventá.
E tamén era un aviso oír petar na ventá e deixar os dedos marcados. Quedaban no cristal as pegadas dos dedos. Pasou aquí nesta casa e despois morreu un dos vellos.
E nós temos un veciño que di:
—Como oulee o meu can, morre alguén!
[Información recollida en Redondo e Cima de Vila, parroquia de Trabada, Trabada (Lugo), en xaneiro de 2019].