Festas e mitoloxía relixiosa
CATEGORÍAS RELACIONADAS
A Fonte do Leite da Nai de Deus de San Breixo
A Fonte do Leite da Nai de Deus localízase na parroquia de Santa María de San Breixo (ou Sambreixo), no concello de Palas de Rei, nunha fermosa paraxe ribeirá de prados e masas de arborado, de bosque autóctono e de repoboación, situada na marxe esquerda do río Pambre.
Esta fermosa fonte de cantería de tipoloxía popular destaca por tres aspectos; o primeiro deles por tratarse dunha fonte á que se lle atribúe unha orixe vinculada coa aparición dunha imaxe mariana, o segundo polas propiedades curadoras das súas augas medicinais (sulfuradas, fluoradas e biocarbonatadas), cuxo aproveitamento vai acompañado de certas prácticas propiciatorias e, en terceiro lugar, polo esmero e empeño que puxeron na realización da arquitectura do manancial, no que a estética vai conxugada coa funcionalidade.
Respecto á arquitectura compre indicar que se trata dunha fonte “acobillada” ou encaixada no terreo, formando un espazo recollido. Consta dun pío ou estanque a rentes de chan ó que se accede mediante unha baixada realizada en catro chanzos de pedra e dun fermoso frontal liso en cuxo centro labraron en baixorrelevo un rostro humano en posición frontal con rasgos faciais moi ben definidos, con ollos pechos, orellas e cara regordecha, tocado por unha especie de sombreiro ou tocado e coa representación dunhas pequenas ás (ou palmas) sobresaíndo das súas papudas meixelas.
O frontal aparece rematado e orlado por unha cornixa moldurada que serve de base dun elaborado frontón franqueado e coroado por cilindros e que no campo central ten representada unha cruz sobre pedestal, en relevo.
A orixe do santuario
En canto á orixe da fundación da igrexa parroquial e santuario de Santa María de San Breixo, situado a unha distancia próxima á fonte, ó redor duns 200 metros, na outra beira do río, a tradición sostén que ten que ver cunha aparición da Virxe (ou da súa imaxe) no lugar onde se sitúa a fonte, o que propicia que os fregueses ergueran o templo e situaran a imaxe no seu interior cunha ventá con vistas á fonte. Mais un día alguén tivo a idea de tapiar a ventá, producindo que a imaxe volvese ó seu lugar de orixe, onde a fonte.
Posteriormente a imaxe foi retornada á igrexa e ó tempo que se procedía á apertura da xanela, co que a Virxe podería divisar a fonte, e dese xeito evitar que volvera a abandonar o templo, como parece que así aconteceu.
Esta lenda de imaxes viaxeiras, peregrinas ou inquedas ten moitos paralelismos na Terra de Melide, posto que algo así aconteceu coa Virxe do Leboreiro (Melide), co San Cidre de Paradela (Toques), coa Virxe dos Alimentos da Fonte de Belmil (Santiso), ou mesmo tamén co San Marcos de San Romao (Santiso).
Rituais
Esta Fonte do Leite da Nai de Deus mana augas sulfuradas, fluoradas e bicarbonatadas sódicas a 16º C, segundo se manifesta no blog “fontesdeaugas.blogspot.com”, son benignas para moitas doenzas, tanto do aparato dixestivo como da pel, iso levou a que durante xeracións e xeracións as xentes foran na procura da auga medicinal para o seu consumo nas casas, e tamén a dar lugar a unha tradición, que aínda se mantén viva, de lavar o corpo con auga da fonte e fregar a pel con panos e trapos, que se debían deixar a secar durante moito tempo no entorno da fonte, e segundo os panos ían podrecendo e esmorecendo, as patoloxías do doente ían remitindo.
Dese xeito aínda hoxe en día é frecuente ver trapos e panos enganchados nas silvas que hai nos arredores da fonte, que chaman a atención e mesmo parecen tratarse de vertedoiros incontrolados.
[Texto remitido por Xurxo Broz e Cristina Vázquez, de Melide (A Coruña). Marzo de 2019]
BIBLIOGRAFÍA