Festas e mitoloxía relixiosa
CATEGORÍAS RELACIONADAS
As pedras negras do Castelo de Santo Antón
O autor da información, despois de contarnos como era o lugar antigamente, no que había diversas illas (agora xunguidas a terra) e dúas capelas, a de Santa Mariña do Carreiro e a de Santo Antón do Mar, o santo curador dos doentes do Mal do Pan, Fogardente ou Fogo de Santo Antón, conta o seguinte:
En 1588 unha parte da Gran Armada, ou Armada Invencible, recalou por causa do temporal na Coruña a partir do 19 de xuño e por alí andaron, reparando avarías, ata o 21 de xullo.
Algunhas crónicas (o diario do capitán Juan Varela, Jerónimo del Hoyo en 1608, Juan Melio de Sande en 1621) contan o que sucedeu naqueles días.
Varios homes dun galeón portugués procuraron pedras para lastrar o seu barco e escolleron unhas que estaban apoiadas na parede da ermida, entón en ruínas.
Cando as botaron no fondo do galeón levantouse un fume co que cegaron os homes que as transportaran; e as armas, o ouro e os cartos volvéronse negros como un carbón.
O medo apoderouse deles. Pensarían na relación entre Santo Antón e o Fogo Sacro polo que, di o autor, “negro y San Antón, fuego sacro y defunción”.
Así que devolveron as pedras a onde as atoparan, pediron perdón, sacaron o santo en procesión e os oficiais da Armada doaron os cartos necesarios para refacer a ermida.
[Lemos esta información en La Voz de Galicia (18.7.2018) en ‘Historias con historia” da autoría de Xosé Alfeirán].