Actualizado en data 08/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Festas e mitoloxía relixiosa

CATEGORÍAS RELACIONADAS

A coroa de ferro ardente

No antigo claustro do convento de San Francisco de Lugo, hoxe ocupado polo Museo Provincial, pode verse sobre a tapa dun sartego a representación da figura de Frei Andrés Pardo, quen fora abade entre 1509 e 1512 de San Vicente do Pino, Monforte de Lemos, e protagonista dun suceso estarrecedor.

Cóntase que mentres o conde anda ocupado en guerras contra os mouros deixara na confianza do abade de San Vicente, mosteiro veciño da fortaleza dos Lemos, a súa muller e familia. Cando regresa cóntanlle que a súa esposa foi violada e morta polo abade e o conde idea unha vinganza refinada. Manda preparar un gran banquete e convida ao abade coma se non soubese nada do acontecido.

Na sobremesa o conde pronuncia un discurso solemne de agradecemento ao abade polos servizos prestados e comunícalle á concorrencia que decidiu agradecerllo impóndolle unha coroa. Manda que entre ao salón onde se celebra o banquete un ferreiro ao seu servizo, chamado Sona de Asva, quen porta sobre unha prata unha coroa de ferro ao roxo vivo.

A un sinal do conde, dous axudantes do ferreiro suspenden a coroa con tenazas e acomódana na cabeza do abade. O ferro queima e consume inmediatamente a súa cabeza, provocándolle tan grandes tormentos que nuns segundos, entre terribles berros, cae sen vida sobre o chan.

A cabeza do abade coroado aínda fumea cando o retiran da presencia dos comensais.

O sartego, que data de principios do s. XVI, apareceu na praza da igrexa de Santa María a Real da Régoa, en Monforte de Lemos (Lugo), e agora está, como depósito do concello de Monforte, no claustro do Museo Provincial de Lugo.

Cando o sartego estaba na Régoa dicíase que consideraban ao abade mártir e quen, estando enfermo dos oídos ou da gorxa, pasara por debaixo do sartego curaba desas doenzas.

San Brais, que tamén se venera en Monforte, en San Vicente, é avogoso para os males da gorxa e dos oídos.

Nota

Esta lenda conta con dúas versións diferentes en canto ao motivo aínda que con idéntico resultado: a que narramos, motivada polo comportamento deshonesto do abade coa muller do conde, e outra que tería a orixe nas loitas e rivalidades entre o abade de San Vicente do Pino e os condes de Lemos por asuntos de rendas e preeminencias. Tamén, segundo cal das versións se teña en conta, o abade leva por nome Diego García ou Andrés Pardo. Da ampla e variada fortuna literaria deste asunto destacamos textos como La corona de fuego, de B. Vicetto, ou La corona de fuego o el secreto de una tumba, da autoría de M. Amor Meilán, e o máis recente La leyenda de la corona de fuego de L. Moure Mariño.

 

BIBLIOGRAFÍA


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: