Actualizado en data 08/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Festas e mitoloxía relixiosa

CATEGORÍAS RELACIONADAS

Prodixios e milagres da Capela- Santuario de San Xoán de Navás

Na parroquia de Pantiñobre, concello de Arzúa, existe unha capela situada nunha paraxe illada, cuxa orixe está vinculada a uns fenómenos de natureza milagreira. Esta lenda que alude a fundación do santuario foi recollida polo profesor de Humanidades e sacerdote Eduardo-Aurelio Cacheda Vigide, quen recompilou esta e outras lendas piadosas arzuás.

Segundo refire este autor, eríxese o santuario no ano 1804, que é mandado edificar por unha pastora de Bustelo, da aldea de Navás. O motivo de erguela débese a que perdera o seu rabaño de ovellas cando estaba descargando unha moi forte tormenta e prometeu que onde atopase as ovellas erguería unha capela baixo a advocación de San Xoán Bautista. A sorte quixo que atopase as ovellas moi preto da aldea do Sixto, e alí foi onde mandou edificar este santuario.

Mais existe outra variante do relato que alude a que a mesma pastora estando co seu rabaño de ovellas viuse de súpeto sorprendida por esa forte tormenta con grande descarga de sarabia, e polo medo a que lles pasase algo ós animais prometeu edificar a capela se San Xoán a salvaba; segundo a tradición popular, as ovellas xuntáronse todas elas no punto onde se acaba edificando a capela sen que nada malo lles acontecese. 

Esta capela porticada semella datar do século XVIII, dato bastante curioso se partimos da suposta data de edificación da capela que se menciona ó comezo do relato, é dicir, no ano 1804, correspondente co suceso milagroso da salvación das ovellas. Polo tanto existe unha descompensación entre a presumible cronoloxía da capela coa data da citada milagre, que orixinou a súa fundación (producíndose o acontecemento un século despois de ser edificada).

A capela como xa se dixo, está dedicada a San Xoán Bautista e sendo a súa festividade o 24 de xuño acoden ata ela os veciños da parroquia e da comarca, para conseguir do santo a protección dos froitos do campo e do gando contra as tormentas e demais perigos que poidan acontecerlles.

Na entrada do adro existe unha fonte de pedra, coroada cunha cruz latina e con dous canos de saída de auga que verten nun pía. Deles mana abundante auga e segundo a tradición é acostumado ir lavar a cara antes do amencer do día de San Xoán para evitar as erupcións cutáneas, tamén era acostumado acudir en peregrinación o día de San Xoán pola tarde, os devotos que acudiran á romaría da Virxe do Corpiño.

  

 

 

 

BIBLIOGRAFÍA


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: