Festas e mitoloxía relixiosa
CATEGORÍAS RELACIONADAS
A Fonte Santa de Lema (Arzúa)
A tan só 4 km ó sur da vila de Arzúa, onde o rego Carracedo desemboca no río Iso, atópase a capela da Fonte Santa de Lema, no medio dunha carballeira sita na marxe esquerda ou norte dese rego. Trátase dunha paraxe ben coidada na que as únicas arquitecturas se corresponden coa capela e cuns muíños.
A Capela da Fonte Santa correspóndese cunha edificación austera, erguida no s. XVIII, tendo como advocación a Nosa Señora da Fonte Santa (nunha versión local da Virxe do Rosario).
A escasa distancia da capela, na propia marxe do rego Carracedo, sitúase a Fonte Santa cuxas augas agroman entre as penas situadas na mesma beira, e desaugando no leito fluvial.
Esta fonte milagreira é un manancial de augas sulfurosas medicinais, das que teñen cheiro a ovos podres, e que presenta tonalidades abrancazadas.
Desta Fonte Santa e das súas propiedades dá conta o sacerdote e profesor de humanidades Eduardo Aurelio Cacheda Vigide, referindo tanto as súas virtudes como as que a tradición popular lle atribúe.
Á fonte atribúense grandes milagres e propiedades curadoras grazas a intercesión da Virxe. Conta a tradición que o manancial deixou de manar auga cando alguén pretendeu sacarlle rendemento como negocio, ó pretender vender a auga ás xentes que procuraban obter os beneficios curadores destas dela.
Tamén se conta que deixou de manar cando se discutiu ou blasfemou ó carón da fonte, da mesma maneira que acontece na Fonte Santa de Belmil, no veciño concello de Santiso, que secaba cando alguén botaba pecados. Así mesmo interrompeuse o fluxo cando se tentou entrar a roubar na Capela.
Refire igualmente Cacheda Vigide que as augas desta fonte teñen a virtude de abrir o apetito, mitigar queimaduras ademais de ser boa para quitar as penas.
Preto da Capela hai un panel explicativo que pon énfase na esencia máxica desta fonte referindo que: “... segundo conta a lenda, estas augas teñen ese característico sabor e cheiro a xofre porque unha moura, que se afanaba en apropiarse da trabe de ouro que se atopaba baixo a roda do castro, foi castigada e convertida en estatua dese material e soterrada para sempre nas medorras. Dalí proveñen as augas da fonte e da moura convertida en xofre collen o seu cheiro característico. A capela é un sinal da cristianización do culto ás fontes que practicaban os nosos devanceiros”.
[Información de Cristina Vázquez Neira e Xurxo Broz, de Melide (A Coruña). Marzo de 2018]
BIBLIOGRAFÍA