Actualizado en data 08/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Festas e mitoloxía relixiosa

A Encarnación, a Concepción e a Virxe embarazada

O misterio da Encarnación e o da Inmaculada Concepción
Un dos grandes misterios da xestación de Xesús é a chamada Encarnación. A Incarnatio, facerse, volverse ou converterse en carne, que celebra a igrexa o 25 de marzo, xusto nove meses antes do Nacemento do Neno. Segundo explica Tertuliano «o Raio Divino, que é o Verbo e o Logos, descendeu a unha Virxe, tomou carne no seu seo e naceu, home e deus á vez».
Outro misterio é o da Inmaculada Concepción, que celebra a igrexa o 8 de decembro, un dogma proclamado polo papa Pío IX en 1854 mediante a bula Ineffabilis Deus que di «… que a Virxe María foi preservada inmune de toda mancha da culpa orixinal no primeiro instante da súa concepción…»
O embarazo e as Virxes abrideiras
As representacións da Virxe embarazada foron recorrentes tanto na pintura como na escultura ou noutras manifestacións artísticas, ao longo dos séculos, incluso con advocacións diferentes como a Virxe da O, da Esperanza, do Bo Parto, Nosa Señora Preñada, do Libramento, da Expectación…
Tiveron moito éxito nos tempos medievais as imaxes das Virxes abrideiras como a que se conserva en Allariz, no Museo de Arte Sacra do Convento de santa Clara, ou a máis modesta de san Salvador de Toldaos, en Triacastela, esta cunha representación da Santísima Trindade no interior.
A Virxe abrideira de Allariz é unha talla en marfíl de finais do século XIII que garda no interior unha representación do misterio da Encarnación con imaxes da Virxe e do Neno.
Curiosamente, esta magnífica peza foi das poucas que se librou da ira da Inquisición cando lle deu, entre os séculos XVI e XVII, por destruír estas imaxes por considerar inmoral que se puidese ver o ventre da Inmaculada.
Quere a lenda que a Virxe abrideira de Allariz fose feita polo infante don Henrique, fillo de dona Violante e de Afonso X, O Sabio, pois o infante era mudo e, nada máis acabar de tallar a imaxe, deu en falar.

[Extracto do libro “Trece noites, trece lúas. Libro das marabaillas do Nadal (Mitos, ritos, lendas e tradicións do Nadal en Galicia e no mundo de arredor)”, Xerais, 2011]

As ilustracións son de Noemí López


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: