Actualizado en data 08/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Festas e mitoloxía relixiosa

CATEGORÍAS RELACIONADAS

O Demo de Samertolomeu

Na parroquia de Meira, concello de Moaña (Ponteverda), na Ría de Vigo, nunha illa chamada O Samertolameu, nun lugar orientado ao norte, abrigado do vento do sur, onde os mariñeiros amarraban as súas chalanas, existe aínda hoxe un sitio que se chama "Debaixo dos estripeiros".

Pois alí, hai moitos, moitos anos, os mariñeiros pola mañá sempre encontraban desamarrada algunha embarcación. Ante tal feito tiveron unha xuntanza todos os vellos mariñeiros e decidiron que unha persoa cada noite tiña que "montar garda".

Unha noite un dos que gardaba as embarcacións, esperando, esperando, tiña frío e un pouco de sono. Entón subiu a unha embarcación e alí enriba das panas estaban uns aparellos tapados con unha lona e sacos, entón el decidiu taparse xunto cos aparellos para que ninguén o vise. Tapado e case xa dándolle o sono viu que dúas persoas se aproximaba á embarcación. El tapouse ben, e por un buratiño viu que desamarraban a embarcación e se metían dentro.

Un daqueles era feo como un can e tiña uns cornos pequenos; este foi o que lle dixo ao outro que se puxera os remos. E este armou os remos e foi remando, cando o outro se subiu á bancada de popa e con forza e coa man dicíalle :

—Unha palada mil leguas, unha palada mil leguas! —e a cada voz o outro daba unha remada, e a chalana a cada remada  ía coma un lustre.

Todo isto ata que pasado un tempo chegaron a unha praia . Cando vararon na area estes saltaron en terra.

O mariñeiro, ao ver que non había ninguén sacou a cabeza e despois saltou en terra tamén, e viu que era unha praia de area branca e limpa cunha vexetación que nunca vira antes.

E dixo:

—Onde carallo estarei!

O mariñeiro viu ao lonxe unha pequena fogueira onde estaban celebrando un aquelarre ou conxuro, ou algo así.

Entón ao mariñeiro ocorréuselle coller un anaco dunha póla dunha arbore, foise para a chalana co anaco daquela póla e agachouse de novo.

Despois viñeron da mesma maneira que foran

—Unha palada mil leguas, unha palada mil leguas! —ata que chegaron de novo a Samertolameu.

Estes fóronse, deixando a chalana varada e desamarrada na area.

Entón o pobre mariñeiro moi asustado foi xunto do cura, que viñera de fóra, e era unha persoa que sabía moito.

O mariñeiro sacou a póla e ensinoulla ao cura, e o cura moi sorprendido preguntoulle de onde sacara aquilo, e como fora a parar alí, que era dunha árbore que non había por aquí, que era de moi lonxe, que so á había en Cuba.

O pobre mariñeiro contoulle o que pasara e o cura confirmoulle que o dos cornos era o Demo.

 

NOTA

Recalcar que na illa do Samertolameu hai unha ermida ou capela que entra as imaxes ten unha que Samertolameu esta agarrando ao demo polos cornos.

 [Texto achegado por Gabriel E. Fervenza Mateo, de Moaña (Pontevedra). Maio de 2015]

 


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

COMENTARIOS ENVIADOS

Eu vivo en Moaña e meu pai contoume a historia do demo.

Enviado por Gabriel E. Fervenza o 10/05/2019 ás 9:33:11


Enviar comentario a este artigo: