Actualizado en data 21/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Festas e mitoloxía relixiosa

CATEGORÍAS RELACIONADAS

Pan de san Nicolau de Tolentino en Lugo

​As monxas Agostiñas Recoletas de Lugo gardan un segredo. Trátase dun amuleto, talismán ou reliquia dador de saúde e efectivo contra graves perigos se cando se fai uso del se cumpren os requisitos prescritos. O obxecto é unha minúscula peza de pan, de apenas 3cm de diámetro, coñecida como “Pan de San Nicolao”, aínda que o título completo é “Pan bendito e milagroso do glorioso san Nicolau de Tolentino”. As Madres Agostiñas chegaron a Lugo en 1662. Primeiro ocuparon un edificio sito na Praza Maior, e desde 1844, logo da Desamortización e de ser derruído aquel primitivo edificio, ocupan o convento de san Domingos. Neste lugar é onde expenden gratuitamente o desexado amuleto a quen, segundo o parecer da monxa encargada, merece ser agasallado con el.

O milagre

Este panciño é a mostra viva dun milagre que obrou a Virxe co propio san Nicolao de Tolentino. Estaba moi maliño do estómago e aparecéuselle a Virxe para dicirlle que pedise de esmola un pouco pan, que o mollase en auga e que, como así foi, ao momento quedaría curado. A Virxe, ademais, prometeulle que todo aquel que lle tivese devoción e sempre que fixese o mesmo, quedaría curado ou protexido pola graza de Deus. A Orde Agostiña acostuma bendicir moitos destes pans no día da súa festa (10 de setembro) para logo repartilos entre aqueles que teñan necesidade deles. E así é, segundo se di na folla ou prospecto que se subministra co pan, que, sempre que se use con verdadeira fe e mollado en auga, cura doenzas e é útil contra todo xénero de traballos, perigos e tribulacións. De botarse nun incendio, apaga o lume; de tirarse ao mar habendo temporal, calma os aires e o mar soségase. Defende contra raios e treboadas, libra da morte violenta tanto na guerra como fóra dela, e todos aqueles que levan este pan canda si, sexan humanos ou bestas, ou se o depositan en hortas ou campos, protéxeos de todo mal. Ao tomalo hai que rezar tres painosos e unha salve. Todas estas instrucións e recomendacións, así como unha antífona e unha oración, veñen no papel que se achega co “Pan de san Nicolao”.

San Nicolao de Tolentino foi un crego e místico católico italiano que viviu entre o s. XIII e o XIV. Dedicou a súa vida ao ascetismo e atender enfermos. Atribúenselle máis de 300 milagres, uns en vida e outros despois de morto. É o protector das ánimas do Purgatorio. O seu corpo, que se conserva na basílica de San Nicolao de Tolentino, foi atopado incorrupto uns corenta anos despois de producirse a morte polo que lle amputaron os brazos para facer un relicario. Foi canonizado en 1446. 

En Pontedeume (A Coruña) teñen por patrón a este mesmo santo e contan que unha vez, aló polo s. XVII, declarouse un gran incendio na vila, e que cando se botou unha reliquia do santo nas chamas, apagouse de contado. 

Pan de san Nicolao (instruccións de uso).pdf

BIBLIOGRAFÍA


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: