Actualizado en data 08/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Festas e mitoloxía relixiosa

CATEGORÍAS RELACIONADAS

Amuletos e reliquias: Os Escritos de Cotá

Rematamos esta breve xeira de artigos dedicada aos amuletos e reliquias por mor da xornada que sobre este asunto vai ter lugar este 25 de outubro, escribindo unhas notas sobre os Escritos de Cotá; Hai uns 25 anos a miña muller e mais eu fomos a Cotá, lugar da parroquia do mesmo nome no concello de Friol, e mercamos o que vén sendo un Escrito, un papel dobrado con partes impresas e partes manuscritas. Daquela eramos, e aínda somos, desa xente que, sen crer, presta atención ás inercias da tradición. Lembro que preguntamos pola Casa dos Escritos (ou Casa de Rosende) e atendeunos un home xa maior, o mesmo que nos despachou o tan desexado amuleto. Cando lle dixemos a que íamos, sacou dun caixón un papel, debuxoulle unhas cruces, escribiu nel cun bolígrafo o noso nome e o motivo polo que pediamos a protección, logo dobrouno, e cando nolo deu deixou á vista a data que correspondía coa do día. Antes de despedírmonos, e de pagar unha pequena cantidade, fíxonos tres advertencias: non parar nin falar con ninguén mentres non chegásemos á casa, non desdobrar endexamais o papel (ou sexa, non ler o que alí ía escrito) e renovalo ao cabo dun ano. Cumprimos a primeira pero non as outras dúas advertencias. O papel estivo no caixón da mesiña de noite máis dun ano, e máis de dous, ata que desapareceu. Hai que dicir que mudamos de casa e que sospeitamos que foi nese tránsito, no que case todo o que existe se esvaece, cando nos desapareceu da vista. Os Escritos son amuletos de papel (tamén se chaman Evanxeos, Rescriptos, Detentes…) que se usan para protexer animais, persoas e lugares onde se cre que pode haber perigo de meigallos. Pódense levar pendurados do pescozo ou na carteira, pódense poñer na porta da corte, no cuarto dun neno ou dun adulto, no coche, na oficina ou no tractor. Crese que protexen contra enfermidades e pestes, evitan desgrazas e toda clase de males, sempre e cando se cumpran as normas de uso citadas: non tratar con ninguén  na viaxe de volta despois de mercalo, non descubrir os segredos dos seus textos, renovalo no cabo do ano, e unha cuarta e definitiva condición: ter fe nos seus poderes. A Cotá seica levara a moda dos Escritos un frade procedente do mosteiro de Sobrado dos Monxes. Desde entón, non hai unha data precisa desa orixe, despacháronse arreo Escritos en Cotá na mesma casa de sempre, e o prezo a día de hoxe aínda segue sendo moi razoable; cincuenta céntimos de euro. Dixen que cumpriramos a primeira advertencia pero non as seguintes. Nin o renovamos ao seu vencemento, obviamente por desidia, e tampouco puidemos evitar desdobrar o papel pois unha forza superior gobernada pola curiosidade puido máis. O que descubrimos foi que na parte superior encabezaba, a modo de título, un I.N.R.I. Debaixo, no centro, tiña unha cruz latina rodeada de dous textos impresos, un en latín e outro en castelán. Varias cruces debuxadas nos ángulos do papel e o nome do solicitante, todo isto escrito a bolígrafo igual que a data … Un momento! Agora decátome de que esta pode ser a razón pola que nos desapareceu o Escrito. Vese que non cumprir os mandados rituais sempre pode traer consecuencias!

©Antonio Reigosa 

Artigo publicado en El Progreso (23/10/2014)

BIBLIOGRAFÍA


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: